Inicio » Outras voces, De economía » Resposta aos portavoces da banca sobre as pensións

Resposta aos portavoces da banca sobre as pensións

As reformas das pensións públicas propostas polo goberno español convertéronse nun tema central no debate político. O atraso da idade de xubilación de 65 a 67 anos, creou, como era de esperar, un gran balbordo, pois tales reformas afectarían dunha maneira moi marcada os beneficios dos pensionistas. E naturalmente, hai grupos de presión, como a banca e as caixas de aforro, que están moi involucradas neste debate, pois os seus intereses económicos están tamén en xogo. Os plans de pensións privados están en profunda crise e as decisións que se tomen sobre as pensións públicas afectaríanlles tamén dunha maneira moi significativa. En xeral, desexan que os cambios nas pensións públicas favorezan a limitación da cobertura das pensións públicas, a fin de facilitar e estimular o transvasamento de aseguramento do sector público ao privado, substituíndo ou complementando as pensións públicas.

A Banca, pois, ten intereses en xogo, e a súa influencia política, mediática e académica é enorme. A nivel académico, tanto a banca como o Banco de España financian revistas económicas, congresos, grupos de investigación e fundacións (como Fedea, Fundación de Estudos de Economía Aplicada), que promoven os seus puntos de vista e intereses. O seu obxectivo é convencer á poboación de que o sistema público de pensións non é viábel tal como está e que a única maneira de que sobreviva é reducindo significativamente as pensións públicas, de maneira que a poboación se asegure privadamente. A Seguridade Social manexa, en calquera país, a maior cantidade de diñeiro que exista naquel país. Por iso é polo que a banca, axudada pola presión dos mercados financeiros, desexaría intervir no manexo e xestión de tales fondos.

Unha consecuencia do enorme poder mediático e académico da Banca é que configura en gran maneira a cultura económica do país, feito que é particularmente evidente en España, onde a banca foi e continúa sendo o poder fáctico con maior influencia política no país, tal como o percibe correctamente a maioría da poboación española (segundo a enquisa do CIS, a maioría da poboación cre que a banca ten máis poder que o goberno español). As súas posturas convértense na sabedoría convencional promovida a través dos maiores medios de información e persuasión sobre os cales a banca teñen considerábel influencia. En realidade, tal poder determina que apenas existan voces discordes coas súas posturas, claramente ideolóxicas, que se presentan como científicas.

Juan Torres, Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Sevilla, e eu, publicamos un libro de difusión e popularización que titulamos “¿Están en peligro las pensiones públicas? Las pregunta que todos nos hacemos. Las respuestas que siempre nos ocultan” que, como o seu título sinala, contestaba as preguntas que millóns de españois se fan sobre as súas pensións, cuestionando as teses do capital financeiro de que as pensións públicas eran insustentábeis. Publicado e difundido por Attac, distribuíuse amplamente ao longo do territorio español.

Apareceu, máis tarde, un manifesto “La reforma de las pensiones” asinado por 100 economistas (que asinaran previamente outro manifesto a favor das reformas laborais regresivas), no que se reproducían as teses de insolvencia do sistema público de pensións, subliñando a necesidade de que se fixesen reformas, que reducirían os beneficios aos pensionistas. Tal documento era un manifesto claramente ideolóxico, que encaixaba coa filosofía neoliberal dominante hoxe na cultura económica do país. O mellor indicador do seu carácter ideolóxico é que non se refería a ningún dos traballos, argumentos ou evidencias, contrarios ás súas teses (tal como tería que facer se fose un traballo científico). E previsibelmente, non citaba o noso traballo, nin contestaba a ningunha das críticas que fixeramos aos argumentos que sustentaban as súas propostas, argumentos que se fixeron moitas veces en documentos, informes e manifestos promovidos por Fedea, que era a fundación que patrocinaba e financiaba este manifesto.

Iso forzounos a Juan Torres e a min a escribir un documento en que, punto por punto, e argumento por argumento, presentamos evidencia científica e empírica que cuestionaba cada un dos supostos nos que se baseaban as súas teses de insostibilidade do sistema público de pensións. Na nosa crítica mostramos tamén os erros metodolóxicos que facían nos seus cálculos (Ver: “Respuesta al manifiesto neoliberal sobre las pensiones de los 100 economistas”, que tamén se distribuíu por Attac). Isto creou unha resposta, rodeada de gran hostilidade persoal (con toda unha batería de insultos por parte dalgúns dos seus portavoces), que apareceu nos seus propios medios e nos medios televisivos e radiofónicos, que lles deron gran visibilidade.

E no seu intento de desacreditarnos, acusáronnos de “non coñecer economía” e outras descualificacións, que teriamos ignorado se non fose porque as caixas de resonancia que o capital financeiro pon á súa disposición aumentaron o seu eco e foron utilizadas para descualificar e desacreditar aos argumentos, ademais de aos argumentadores.

De aí a necesidade de responderlles. En canto ao intento de descrédito dos argumentadores, acusándonos de non saber economía, é abondo dicir que tanto Juan Torres como eu fomos (e o Profesor Juan Torres continúa sendo) Catedráticos de Economía. O profesor Juan Torres, na Universidade de Málaga primeiro, e na de Sevilla despois, e eu na Universidade de Barcelona antes de ser Catedrático de Políticas Públicas na Universidade Pompeu Fabra. É dunha enorme mesquindade, e tamén estupidez, facer este tipo de acusación, pois é fácil de demostrar que é falso. Pero a debilidade dos argumentos de tales portavoces da Banca é tal que se aferran desesperadamente a calquera ataque persoal, sen ningunha limitación ética que lles free.

Réplica ás críticas

O argumento que constantemente se fai a favor das teses de que o sistema de pensións públicas non é sustentábel é o da transición demográfica, é dicir, que debido á ampliación da esperanza de vida da poboación, haberá cada vez máis e máis anciáns e que ao coincidir con menos xente nova (en parte consecuencia do descenso da fecundidade), non haberá mozos abondo para soster a tantos anciáns.

Tal argumento, porén, ignora varios feitos. Un deles é que nos sistemas de repartición, a relación importante non é o número de mozos por cada ancián, senón o número de cotizantes e tamaño de cada cotización por pensionista. O número de cotizantes depende da porcentaxe da poboación que traballa e cotiza á Seguridade Social, unha porcentaxe que en España é aínda hoxe moi baixo, só un 52%, cando a media nos países nórdicos de tradición socialdemócrata (que teñen os sistemas de protección social máis avanzados) alcanza unhas porcentaxes moito maiores, de 72%. E iso como consecuencia da elevada porcentaxe da muller adulta que traballa no mercado laboral. En España, quédanos moito por facer para facilitar a integración da muller no mercado de traballo e con iso aumentar a porcentaxe de adultos que traballan, pagan impostos, crean riqueza e contribúen á Seguridade Social. De aí, a enorme importancia e urxencia de crear o que no seu día, no 2000, chamei o 4º alicerce do benestar, é dicir, servizos de axuda ás familias, tales como escolas de infancia e servizos ás persoas con dependencia, que axuden ás familias a compaxinar as súas responsabilidades familiares (tanto a muller como o home) co seu traballo no mercado laboral. E aí tamén nos fai falta facer moito.

Produtividade, riqueza e as pensións

A outra variábel que é moi importante para pescudar se o sistema de pensións públicas é viábel no futuro é o tamaño das cotizacións sociais, así como dos impostos que se xeran para o estado a fin de soster a pensionistas e a non pensionistas. É dicir, que a sustentabilidade das pensións depende da riqueza do país. E iso depende, ademais do número de traballadores, da súa produtividade, un elemento clave que raramente é analizado polos que sosteñen as teses catastrofistas da Seguridade Social. Un exemplo desta postura é o informe sobre as pensións na UE (e en España) publicado en 2008 pola Comisión Europea, que alarmaba á poboación española indicando que en cincuenta anos as pensións pasarían de representar un 8% do PIB en 2007 a un 15% do PIB no ano 2060, porcentaxe que se asumía era excesiva, e imposíbel de soster. Estas cifras foron repetidas polo Banco de España, por Fedea e polo manifesto dos 100 e convertéronse na “evidencia científica” que apoia as teses de insostibilidade da Seguridade Social.

O problema con esta argumentación é que é profundamente errónea e é fácil de demostrar. Se a produtividade do traballador durante o período 2008-2060, aumenta cada ano un 1,5% (o aumento medio nos últimos anos), entón o PIB en 2060 sería 2,23 veces máis grande que o PIB do 2007. É dicir que se consideramos o PIB do 2007 como 100, en 2060 será 223. Pois ben, se o número de recursos para os pensionistas en 2007 era 8 (8% do PIB) e para os non pensionistas 92 (100-8), en 2060 sería para os pensionistas 33 (o 15% de 223) e para os non pensionistas sería 190 (223-33). E todo iso medido en unidades monetarias que terían a mesma capacidade de compra en 2060 que en 2007. Nin que dicir ten que o PIB en 2060 sería moitas veces máis grande que o PIB de 2007 debido á inflación e outros factores. Mais, as cifras que cito aquí son cifras de moedas de valor constante, é dicir que terían a mesma capacidade adquisitiva. Non hai por tanto ningún problema.

A sorprendente resposta dos portavoces do manifesto dos 100 economistas que nos responderon, é negar que aumentar a produtividade sexa significativo para calcular o aumento dos recursos dos pensionistas e non pensionistas dentro de 50 anos. En realidade, un dos máis estridentes (con maior cantidade de insultos na súa argumentación) é Jesús Fernández Villaverde (próximo á banca, que recibiu un premio da mesma polo seu labor académico, sostendo as posturas da banca), que nega que o aumento da produtividade sexa significativo para discutir a viabilidade das pensións negando, ademais, que houbese un aumento da produtividade nos últimos anos (antes da crise) ou que haberá un incremento no futuro. É fácil de demostrar que tal economista está equivocado. Segundo Groningen Growth and Development Center (que é o documento máis utilizado polo mundo empresarial estadounidense) a produtividade (GDP per hour worked) en España creceu un 6.4% entre 1997 e 2007, e un 10% entre 1997 e 2009. E máis importante aínda, tomando períodos máis longos (para poder ver o crecemento independentemente dos ciclos económicos), entón vemos que de 1979 a 2009, o crecemento da produtividade laboral foi dun 77%. Asumir que o crecemento da produtividade será cero ou preto de cero no próximos corenta ou cincuenta anos é absurdo. Se iso fose certo, España tería un problema gravísimo. Os críticos parecen asumir que España será máis pobre dentro de corenta ou cincuenta anos que agora. Isto non se sostén.

Outros erros dos portavoces do manifesto dos 100

Algúns economistas deste manifesto dubidan, por outra banda, de que os crecementos de produtividade poidan ser máis altos que os actuais. Din: “á vez, é difícil ver crecementos da produtividade moito máis altos que o 1.5%. Por exemplo, en EUA, a taxa máis alta de crecemento da produtividade nun ciclo completo entre 1966 e 1973, ‘unha idade de ouro’ da produtividade, foi un 2.2% anual”.

Esta frase traduce un descoñecemento da evolución da produtividade no últimos sesenta anos. O crecemento da produtividade na maioría de países en Europa foi maior que o de EUA durante o período final da II Guerra Mundial a mediados dos anos noventa, e iso como resultado da enorme destrución das economías europeas e a súa necesidade de “catching up” con EUA, e tamén, máis tarde, pola utilización e desenvolvemento das novas tecnoloxías, moitas delas baseadas na investigación básica realizada en EUA. Asumir que o nivel de produtividade de EUA é o máximo que pode alcanzarse é profundamente erróneo e é resultado da ignorancia de como evoluiu a produtividade nos países capitalistas desenvolvidos. España está aínda moi atrasada, e por tanto, é máis que probábel que teña moito por mellorar. A súa capacidade de “catch up” é considerábel.

Outros erros por non considerar a variábel produtividade

Outro erro que outros voceiros da banca fan é que indican que resultado dunha redución do número de cotizantes por pensionista, as pensións do futuro non poderán sosterse. Esta tese é equivalente a asumir que o descenso do número de traballadores no campo español (pasando de representar o 18% da poboación adulta hai corenta anos a 2% na actualidade) representou un descenso do alimento producido en España. Hoxe, veríase o ridículo que fixeran cen economistas se, hai corenta anos, indicasen que, consecuencia de que habería menos traballadores no campo en 40 anos a partir de entón, a xente pasaría fame porque non habería alimento abondo. Tal ridiculez estaría baseada na ignorancia de tales economistas, ao non darse conta de que un traballador agora produce o que 9 facían antes.

Pois igual de ridículo están a facer os 100 economistas cando agora andan a dicir que, dentro de 40 anos haberá a metade de traballadores por pensionista, ignorando que en 40 anos, un traballador sosterá máis do dobre de pensionistas que agora. Como indicamos Juan Torres e eu en varias ocasións sería aconsellábel que se fixesen cambios no sistema de pensións públicas, pero precisamente en sentido oposto ao que están a propor voces próximas á banca. Entre estas medidas debería haber medidas que aumentasen a progresividade das cotizacións sociais e outras que acentuamos nestes escritos. Non hai evidencia de que o sistema de pensións públicas requira unha diminución dos beneficios para garantir a súa sustentabilidade. Os argumentos que sosteñen o contrario non teñen credibilidade científica.

Tirado de Rebelión

A FPG non ten por que compartir necesariamente os contidos dos artigos de Opinión e de Outras voces, aínda que por unha razón ou outra os consideremos de interese.

Etiquetas: