Inicio » Outras voces, De economía » A crise de Europa e as alternativas da esquerda

A crise de Europa e as alternativas da esquerda

O texto que segue rematouse de escribir o día 1 do pasado mes de xullo. Agora, tras cinco meses, cólgase na Internet, despois de ser publicado na revista italiana Senza Censura N. 33, correspondente ao outono-inverno de 2010-11. Como se verá, preferín centrarme en problemas teóricos e históricos apenas debatidos polas esquerdas porque acho que tamén debemos elaborar unha explicación superior e diferente á burguesa sobre por que, para que e como se está creando a Unión Europea desde espazos de poder material inasequíbeis ás clases explotadas, inasequíbeis e descoñecidos para a maioría absoluta da poboación continental. Acho que se non avanzamos máis aló dos tópicos ao uso sobre a crise da UE, esencialmente lastrados por unha mestura de economicista determinista e menosprezo da loita de clases práctica, se non profundamos na investigación histórico-crítica das orixes e do devir da UE, facilitaremos o triunfo da demagoxia reformista, vitoria fugaz e moi breve que é a antesala de mazazos antidemocráticos de extrema dureza. De seguido reproduzo tal cal o texto de hai cinco meses.

1.- QUE CRISE EUROPEA?

A interpretación oficial da crise é que esta é unha severa crise financeira xurdida pola “excesiva liberalización dos mercados de diñeiro”, “descontrolados” por cinco razóns: unha, polo egoísmo humano que desbordou os controis inherentes á “man invisíbel do mercado”; dous, egoísmo especialmente perverso da clase traballadora que impide a recuperación económica coas súas esixencias de incrementos salariais, de maiores gastos públicos e sociais, máis dereitos e menos traballo, etc.; tres, a crise prolóngase pola caída dos beneficios ao esfarelarse a capacidade de compra pola restrición do crédito; catro, a todo isto hai que sumar a tardanza na toma de medidas por parte dos Estados o que agrava o problema; e, cinco, o masivas pero tardías axudas a fondo perdido ao capital financeiro multiplicaron exponencialmente a débeda pública e privada que lastra como unha áncora de chumbo o despegamento económico.

Esta interpretación é moi pobre, moi limitada historicamente e falsea as verdadeiras razóns da crise, o seu alcance, e as salvaxes medidas que se van impor. O problema crucial radica no que non di, no que falsifica e mente ao reducir a crise á súa forma superficial máis limitada, reducindo o capitalismo ao subxectivismo marxinalista, á idea de que o diñeiro crea diñeiro e de que, por tanto, é o capital financeiro o decisivo, o que domina sobre as outras formas de capital. Néganse así cuestións decisivas como a importancia clave do capital industrial, as leis de concentración e centralización do capital e da perecuación de capitais, a importancia do Estado e da violencia burguesa e, como síntese, a decisiva transcendencia da loita de clases. Todo isto se escamotea e restrínxese o debate ao que lle interesa á burguesía: como volver contra o movemento obreiro e revolucionario aos sectores reformistas e conservadores da clase obreira; como mobilizar a favor do capital á pequena burguesía para que actúe como movemento reaccionario de masas, e como derrotar á clase traballadora no seu conxunto, aumentando o máis posíbel a súa explotación. Por tanto, debemos restabelecer a realidade innegábel da loita de clases como motor da historia, a súa existencia obxectiva á marxe das ilusións subxectivas, dos seus vaivéns e períodos de latencia e de aparente extinción.

A financierización foi a faísca que prendeu o lume da crise porque antes xa había combustíbeis dabondo para o incendio: a longa lista de problemas de todo tipo que cada vez máis dificultan a realización do beneficio do capital industrial desde os anos setenta do século XX e que podemos resumir na dialéctica entre o accionar da lei tendencial da caída da taxa de beneficios, por unha banda, e, por outra, a agudización doutras crises como a ecolóxica, a do esgotamento dos recursos, a alimentaria e sanitaria, etc. A crise estalou porque fracasaron as sucesivas “solucións” que as burguesías foron aplicando para aumentar os seus beneficios nun contexto mundial de sobreprodución excedentaria que non atopa saída nos mercados e estas solucións baseáronse na manipulación financeira, na enxeñaría bancaria levada ao irracional. Marx advertiu que antes de cada crise xurdía unha euforia crediticia destinada a reactivar a economía minada no fondo mais pletórica na súa aparencia externa, de maneira que se nunha primeira instancia o crédito serve para engraxala, co tempo ese mesmo crédito lánzase á especulación desmedida agravando as contradicións que emerxen nunha nova crise. Mais na análise de Marx hai un “factor” que se esqueceu posteriormente: o papel crucial do Estado como forza decisiva. Todas as contratendencias que impón a burguesía para reverter a caída tendencial dos beneficios remítennos directa ou indirectamente ao papel do seu Estado.

A dialéctica do endóxeno na economía, as súas leis tendenciais, e o exóxeno, o papel do Estado, na marcha do capitalismo, vese nas reordenacións europeas desde o século XVII. Antes de seguir, debemos aclarar dúas cousas. Unha é que a interacción entre o estritamente económico e o estritamente político-estatal é decisiva para entender o capitalismo como totalidade movida pola unidade e a loita de contrarios irreconciliábeis como son a burguesía e o proletariado, pola loita de clases. Se negamos ou minusvaloramos esta dialéctica caemos en dous erros desastrosos como son o determinismo economicista e o subxectivismo idealista. A outra é o concepto de reordenamento: son os momentos nos que se fusionan politicamente as distintas contradicións dando o salto a unha nova fase global do capitalismo. O capitalismo sofre fases nas súas formas mais mantén a súa esencia explotadora baseada na extracción de plusvalía pola clase propietaria das forzas produtivas. A esencia permanece inalterada mentres subsista este modo de produción, aínda que as súas formas externas cambien no tempo. Non nos estenderemos agora na categoría dialéctica do mutábel e do permanente, da forma e do contido, do fenómeno e da esencia, etc., nin nunha complexidade das interaccións entre o económico, político-estatal, militar, cultural e ideolóxico, etc., que se dan nas sucesivas fases nas que a explotación adquire novas formas exteriores.

2.- REORDENACIÓNS E CRISES

As reordenacións sancionan o peche dunha fase global da explotación e o comezo doutra, permitindo ao capitalismo lanzarse con todos os seus folgos por novos vieiros unha vez posta orde no seu interior. Que orde? Pois a que incumbe ás contradicións fundamentais do sistema: esmagar ás clases traballadoras; destruír masivamente as obsoletas forzas produtivas e facilitar a aplicación masiva de novas tecnoloxías; derrotar ás burguesías e Estados competidores obrigándolles a aceptar as esixencias das burguesías vitoriosas; impor novas moedas fortes, novas leis económico-financeiras e de regulación do mercado internacional, e estender e intensificar a expansión mundial do capitalismo baixo unha nova hexemonía imperialista. Até o presente, as reordenacións despregáronse só despois de atroces guerras internacionais nas que venceu un bloque burgués sobre outras burguesías, e a burguesía en conxunto sobre as clases traballadoras e as nacións oprimidas.

Segundo o resultado das guerras, as reordenacións institucionalízanse, adquiren carácter oficial e internacional, ben mediante a rendición incondicional ou pactada do bloque social vencido, ou mediante algunhas negociacións formais que sancionan legal e internacionalmente as esixencias do vencedor sobre o vencido. Non profundamos agora no papel da guerra no capitalismo sobre todo nos seus momentos de crise sistémica, mais sabemos que estas comezan por contradicións económicas endóxenas, que rapidamente adquiren contido político acelerando as tendencias obxectivas cara á militarización e a guerra. Na historia de Europa houbo tres grandes reordenacións desta índole: a que tomou corpo legal no Tratado de Westfalia de 1648 tras a guerra dos Trinta Anos; a que tomou corpo no Congreso de Viena de 1815 tras as guerras napoleónicas; e a que tomou corpo nos acordos de Yalta e Potsdam en 1945 tras a gran crise de 1914-1945. Estamos na cuarta, mais sen un recurso á guerra, polo de agora.

Desde o século XVII, dúas leis capitalistas destacan no accionar das reordenacións. Unha é a lei da perecuación que explica por que os capitais abandonan os negocios menos rendíbeis para ir aos máis rendíbeis. E a outra é a da concentración e centralización, que explica que os capitais máis fortes cómense aos máis febles á vez que se reducen os propietarios de capital. A historia político-económica, diplomática e militar mostra como as burguesías se apoian a cada máis nos seus Estados para dirixir esas leis no seu beneficio exclusivo e para debilitar ás burguesías competidoras, obrigándolles a aceptar as súas condicións de investimento, a absorción dos seus capitais polos capitais estranxeiros, etc. O capitalismo funciona, durante os períodos de relativa “normalidade”, sen maiores inxerencias estatais, pero segundo aumentan as dificultades de realización do beneficio, as resistencias obreiras, a competencia doutras burguesías, e segundo avanza a crise, as burguesías reforzan os seus Estados, os seus exércitos, etc., á vez que esixen submisión pasiva ás clases explotadas e claudicacións ás burguesías competidoras.

Os Estados máis poderosos presionan para que os seus capitais se invistan nas mellores condicións en mercados exteriores, en detrimento dos autóctonos. O “libre cambio” exterior e o proteccionismo interior non son unha invención recente do neoliberalismo senón que existían antes do capitalismo e atopámolo moi activo xa nos séculos XIV e XV. A “liberdade de mercado”, a “globalización”, etc., son tan antigas e permanentes como a economía comercial e mercantil aínda que sexa precapitalista, mais só co capitalismo desenvolveron todo o seu poder expansivo e exterminador, como queda tan impresionantemente demostrado no Manifesto Comunista escrito en 1848. As reordenacións europeas responderon a estas interaccións entre as forzas económicas e políticas, que chegaron a se plasmar en guerras internacionais para acelerar así o seu funcionamento. A crise actual é o resultado da política imperialista de Estados Unidos desde que impuxo en 1944-1948 as institucións internacionais decisivas para o seu futuro dominio mundial: FMI, Banco Mundial, ONU, GATT e pouco máis tarde a OTAN e o resto de aparellos que padecemos agora. Política destinada a derrotar á URSS, ao movemento obreiro internacional e ás guerras de liberación nacional e antiimperialista, e que na década dos anos cincuenta dirixiu desde a trastenda os primeiros pasos da chamada “Europa do carbón e do aceiro” e do Tratado de Roma de 1957. Comezara a cuarta reordenación europea con dúas características diferentes ás tres anteriores: desenvólvese baixo o control aberto ou distante dunha potencia, Estados Unidos, non europea; e realízase sen o recurso a unha nova guerra total dentro de Europa, aínda que si con guerras locais e fortísimas presións económico-políticas das potencias máis fortes sobre as burguesías restantes e máis febles.

A cuarta reordenación avanzou devagar até que coincidiron tres dinámicas decisivas desde finais dos anos oitenta: unha, a imposición por Estados Unidos e Gran Bretaña da financierización para reforzar o neoliberalismo, dando pulo aos gaños burgueses mais acumulando os problemas que estalarían logo; dous, a implosión da URSS e do seu bloque, e o xiro ao capitalismo da China Popular, e tres, a recuperación das loitas mundiais desde a metade dos anos noventa. Dinámicas activas dentro da crecente contradición entre a tendencia imparábel á sobreprodución excedentaria e os sucesivos fracasos de todas as “solucións milagrosas” que inventaba o neoliberalismo para deter a sangría de pequenas crises parciais que estalaban cada vez máis rapidamente en todo o mundo. O Tratado de Maastricht de 1992 quixo pechar unha fase vella e abrir a nova, alumando “por métodos pacíficos e democráticos” á Unión Europea.

Mais estalaron as cargas de profundidade que se acumulaban no subsolo social, non desactivadas polas sucesivas tácticas burguesas nin por unha nova guerra internacional que impuxese, como ocorreu no pasado, unha nova xerarquía imperialista. Agora, sobra potencial produtivo por todo o mundo que non se vende; os Estados, a banca e a economía privada están en números vermellos cunhas débedas que superan o imaxinábel e que poden esborrallarse arrastrando á ruína a países enteiros; vaise agudizando a loita de clases e a resistencia dos pobos ao imperialismo; as potencias “emerxentes”, algunhas das cales son semiimperialistas, non se resignan a aceptar, como no pasado, as cada vez máis duras esixencias do imperialismo occidental liderado por Estados Unidos, liderado que é parcialmente cuestionado polo euro imperialismo; a rápida agudización da crise ecolóxica ameaza con dar o salto a catástrofe mundial, sen esquecer o esgotamento dos recursos enerxéticos e alimentarios, da auga potábel, etc.; e aumenta o armamentismo en todos os aspectos, sobre todo no nuclear e bioquímico.

A crise da Unión Europea é deste xeito parte da crise mundial agudizada por dous factores que non existiron no pasado: un, que xa non é nin será xamais a potencia hexemónica a nivel mundial no económico e no militar; e, outro, que a diferenza do pasado, agora depende moito máis dos recursos enerxéticos exteriores para manter unha forma de vida interna que siga aparvando ás súas clases traballadoras. Dous exemplos, unha das bazas das burguesías europeas para evitar as revolucións era a emigración masiva a outros continentes da sobrepoboación empobrecida, o que agora é xa imposíbel, e abonda unha negativa de Rusia ou de Estados Unidos, ou de calquera outro país, para que o petróleo, o gas e outros materiais estratéxicos deixen de fluír na mesma cantidade á Unión Europea. Para recuperar o seu peso imperialista, a Unión Europea precisa dun exército como o de Estados Unidos, o que lle esixiría moitos anos de inmensos investimentos de capital en gastos militares e de absoluta docilidade das clases explotadas, e isto non é posíbel nas condicións actuais.

3.- CRISE E LOITA DE CLASES

Soamente hai tres grandes solucións para o capital europeo: esmagar sen contemplacións ás clases traballadoras para aumentar a taxa de beneficio e a acumulación ampliada de capital; impor mediante severas medidas de presión interna ás burguesías máis febles unha férrea xerarquía interna de modo que a Unión Europea adquira unha mínima coherencia interna e externa; e aceptar a dirección ianqui nos problemas vitais para a sobrevivencia do imperialismo occidental como o dominante no planeta, cousa que só pode lograrse coas armas e recursos de control financeiro e chantaxe económica que aínda posúe Estados Unidos.

3.1.-

A primeira, o esmagamento da clase obreira é urxente, e ten ao seu favor catro grandes bazas. Unha é a capacidade de alienación e mansedume que produce a vida asalariada por si mesma, sobre todo mediante o efecto narcótico que nace do fetichismo da mercadoría. Trátase dun poder fetichizante e alienador inherente á relación capital-traballo e á súa lóxica mercantil. Tamén actúa a denominada por Marx “coerción xorda” do capital sobre o traballo, que paraliza polo medo ao despedimento e ao desemprego, pola violencia latente e preventiva inserida na disciplina laboral. Non esquezamos o efecto integrador do consumismo e da propaganda capitalista, dos seus medios represivos preventivos, dos seus especialistas en contrainsurxencia e en manipulación psicopolítica de masas mediante a teledirección e até a provocación da irracionalidade e dos medos inconscientes na estrutura psíquica de masas. Por desgraza, case todas as esquerdas revolucionarias esqueceron ou non saben loitar contra esta problemática inherente ao capital, ou se negan a facelo porque pensan con criterios economicistas, deterministas e obxectivistas que non comprenden a importancia do denominado “factor subxectivo”.

O reformismo e o sindicalismo economicista centrados só no salario, teñen o seu fundamento ideolóxico no fetichismo da mercadoría, na cousificación e reificación da existencia. A II Internacional e tamén a III, desde finais dos anos vinte, descoñeceron ou abandonaron a loita contra a alienación e o fetichismo, aceptando un economicismo que reforzaba ideoloxicamente a visión burguesa centrada na mercadoría. Os efectos negativos do reformismo político-sindical non se limitan ao apoio político ao capital, senón tamén ao fortalecemento do interclasismo nas clases explotadas porque xamais atacan a cousificación da existencia, a reificación das relacións e a redución destas a simples loitas entre fetiches mercantís. Existe unha conexión profunda entre a burocracia sustitucionista inherente ao reformismo e a fetichización, irreconciliábeis ambas as dúas coa conciencia comunalista, colectivista e tendente á autoorganización que hai que (re)construír nas clases traballadoras.

Outra baza, relacionada coa anterior, e moi efectiva, é o nacionalismo imperialista permanentemente actualizado polas burguesías, e a incapacidade das esquerdas revolucionarias para combatelo. O groso das esquerdas esqueceu a gran experiencia das loitas populares contra o nazifascismo, da resistencia interna contra o ocupante que era á vez unha loita de clases contra a burguesía propia que colaboraba activamente co nazifascismo. E falamos só da experiencia máis recente, sen remitirnos ao papel progresista dos sentimentos nacionais das clases e dos pobos nas vagas revolucionarias anteriores, a de 1848-1849, a de 1871, a de 1917-1936. En todas elas chocaron o nacionalismo burgués e os sentimentos nacionais das clases traballadoras que loitaban por outro modelo nacional incompatíbel co burgués. Agora só existe o nacionalismo imperialista e a súa aceptación acrítica ou fervente polas clases explotadas, aceptación que se mostra no racismo, no neofascismo e fascismo en aumento, no machismo e no sexismo, etc.

Nas crises, as burguesías acirran o nacionalismo e as esquerdas revolucionarias son incapaces de estender un internacionalismo oposto ao nacionalismo das súas burguesías. O lóxico euroescepticismo das clases traballadoras é manipulado polo capital para que non se converta en loita por unha Europa Socialista e Internacionalista, mentres medran os nacionalismos burgueses que enfrontan ás clases obreiras entre si e a ela como conxunto contra os pobos traballadores do mundo e especialmente contra os oprimidos polo imperialismo. O capitalismo tamén crea dependencia consumista nas masas traballadoras que intúen ou saben que parte da súa actual forma de vida depende do saqueo doutros pobos, do euro imperialismo e da axuda do “amigo norteamericano”. A pesar do seu euro escepticismo, amplas masas apoian o euro imperialismo como o fixo unha parte significativa da II Internacional coa escusa de impulsar a civilización e o progreso. As esquerdas europeas están cegas, xordas e mudas ante estes problemas que incumben á decisiva e extrema complexidade do “mundo subxectivo” como forza material, mundo no que os sentimentos colectivos profundos, as identidades e os imaxinarios, as culturas e as tradicións populares, coas súas contradicións internas facilmente manipulábeis, xogan un papel moi importante.

A burguesía ten a baza do esquecemento polas masas traballadoras do valor do colectivo, dos bens comunais, da vida común e en cooperación desmercantilizada, da autoorganización e da horizontalidade de base, asemblearia e consellista. Lembremos o devandito sobre o antagonismo entre o reformismo fetichista e a conciencia colectiva, libre e crítica. A herdanza da II Internacional, da III no seu período estalinista e do eurocomunismo, é a responsábel en boa medida de que as esquerdas avancen paseniño na autoorganización obreira. Recupérase devagar o esencial da explosión de creatividade teórica ocorrida entre finais dos anos sesenta e mediados dos oitenta, porque apenas penetrou nas novas xeracións obreiras, limitándose na maioría dos casos á mocidade radicalizada pequeno burguesa, apenas ao proletariado. O devastador ataque represivo e os efectos rompedores do ataque á centralidade obreira realizados polo neoliberalismo explican, entre outras razóns, as grandes dificultades das clases traballadoras para recuperar a súa conciencia e orgullo de clase, inseparábeis da práctica do colectivo.

Con todo, esta praxe é vital porque fai referencia á decisiva cuestión do poder, do proceso que vai do contrapoder ao poder popular pasando polo duplo poder. Conforme avanza a crise as clases explotadas comezan aos poucos a recuperar experiencias de autoorganización asemblearia, de coordinación horizontal e de base, de control da súa propia vida nunha dinámica que vai da autoorganización á autodefensa pasando pola autoxestión e a autodeterminación. O burocratismo dirixista necesita cortalas de raíz, mais tamén moitas esquerdas caeron no erro contrario ao sobrevalorar de forma idealista a capacidade espontánea das clases explotadas negando a imprescindíbel interacción entre espontaneidade e organización. Así, sumando ambos os motivos, fracasan ao pouco de nacer a maior parte das loitas illadas, que apenas avanzan a unha maior coordinación porque son esnaquizadas pola burocracia ou dirixidas ao pantano do illamento sectario polos divididos e enfrontados grupiños de esquerda, máis obsesionados por agudizar o que os afasta que por achegarse no que os une.

A última baza é a dificultade das esquerdas para elaborar unha teoría práctica e unha práctica teórica que guíe a loita contra a multidivisión e fraccionamento da clase obreira que o capital agranda a diario. As crises son usadas polo capital para romper a centralidade proletaria, para esnaquizar a súa unidade e multiplicar a súa segmentación. Agora está a suceder o mesmo. Parte da esquerda creuse a mentira da perda da centralidade proletaria no capitalismo actual, disgregándose nos “movementos sociais” e reducindo a realidade obxectiva estructurante da loita de clases a unha simple “loita social” máis, como outra calquera, sen maior peso político que a loita por un dereito particular. A debilidade da práctica teórica facilita a proliferación de reformismos parciais, de escapismos apolíticos e de alternativas sectoriais que non van nunca á raíz do problema, a ditadura asalariada que determina todas as formas específicas de explotación por suave e invisíbel que parezan.

Non negamos a importancia dos “movementos sociais”, ao contrario, mais reafirmamos a cuestión decisiva: o poder estatal defensor da propiedade privada das forzas produtivas. A centralidade proletaria é a única garantía existente fronte á centralidade burguesa. Para anular dita garantía, o capital tenta esnaquizala como sexa, no material e no teórico. Modas ideolóxicas reformistas facilitaron o enfraquecemento da centralidade proletaria desde os anos setenta, con teses sobre “a morte do proletariado”, os “novos suxeitos sociais”, a “desaparición do poder estatal” e a aparición de “poderes diversos e inconexos”, a “desaparición dos grandes relatos” e da “centralidade da produción fabril”, etc., sendo amplamente difundidas pola industria político-mediática capitalista. O deserto teórico imposto pola URSS facilitou o xiro á nada da “nova esquerda”. As forzas revolucionarias actuais aínda non modernizaron de todo a práctica teórica capacitándoa para loitar contra a ampliación e intensificación das explotacións burguesas concretas, e contra a esencia mesma inalterábel do poder do capital.

3.2.-

A segunda solución é impor a hexemonía interna da burguesía alemá apoiada por fraccións doutras burguesías interesadas en secundala, sobre as restantes burguesías para disciplinar a Unión Europea fronte a un mercado mundial cada día máis competitivo e menos controlábel; e para dirixir a represión do movemento obreiro e revolucionario da UE de forma máis áxil e rápida, aumentando os poderes represivos estatais pero guiándoos a escala europea. Estas dúas necesidades apareceron tamén nas anteriores reordenacións, coas formas adecuadas en cada momento. Agora, as burguesías máis poderosas non poden recorrer á guerra aberta para imporse, polo que aplican presións múltiples sobre as débiles e a “guerra social” contra as clases traballadoras. As esixencias implacábeis e feroces aceptadas polas burguesías grega e española son un exemplo esmagador que será seguido por outras burguesías, mesmo por unha tan poderosa como a británica que xa anunciou tremendos golpes antiobreiros que serán aplicados no básico por absolutamente todos os Estados da Unión Europea porque teñen máis medo á revolución socialista que a Alemaña.

A terceira solución é unha áxil autonomía con respecto a Estados Unidos para lograr a súa protección militar e político-económica, pero con cotas movíbeis de liberdade de acción nas pugnas non decisivas con transnacionais e grandes corporacións ianquis polo control de determinados mercados e xacementos de produtos vitais. A dependencia europea cara a Estados Unidos foi notoria xa a finais da guerra de 1914-1918, vital a partir da guerra de 1939-1945 e transformouse en submisión estratéxica definitiva durante a guerra de Suez en 1957. Mesmo o Estado francés tivo de claudicar entrando na OTAN e aceptando o control ianqui sobre as súas armas nucleares. A Unión Europea non pode obviar que Gran Bretaña e outros Estados teñen relacións directas cos ianquis, e que actúan como axentes seus nas decisións europeas. Manter este equilibrio é moi importante, mais o decisivo é dispor dun protector armado até os dentes.

Resumindo, a crise da Unión Europea reflicte a decadencia irreversíbel da que foi a primeira potencia burguesa mundial, que xa non pode seguir séndoo e que está disposta a todo con tal de manter o seu segundo posto na hexemonía imperialista, axudando a Estados Unidos, de quen depende no estratéxico. As clases traballadoras e as nacións oprimidas son as vítimas sacrificadas no altar da acumulación capitalista europea.

Euskal Herria, 1 de xullo de 2010

Tirado de La haine

A FPG non ten por que compartir necesariamente os contidos dos artigos de Opinión e de Outras voces, aínda que por unha razón ou outra os consideremos de interese.

Etiquetas: , ,