Desde o Comité Central da Frente Popular Galega queremos facer chegar ao conxunto da esquerda abertzale e ao pobo traballador vasco a nosa satisfacción polo anuncio da organización armada vasca ETA dun cesamento do fogo permanente e verificábel que sen dúbida ningunha abre unha enorme esperanza en favor do diálogo e da conquista da paz.
Todo iso debería ir acompañado non só da enorme aposta e esforzo da esquerda abertzale en favor da normalización política senón que tamén é preciso que o Goberno español e o conxunto das forzas políticas se impliquen na resolución do conflito político que sofre o pobo vasco. Para iso, desde Galiza entendemos que resulta fundamental recobrar as plenas liberdades políticas e neste senso garantir a participación política da totalidade das forzas políticas vascas nos procesos democráticos. Primeiro porque a ausencia de violencia abre un novo escenario político onde nada xustificaría impedir a libre participación social e democrática, e segundo porque seguir coutando a libre asociación e participación impedindo a expresión democrática dos pobos e dos traballadores e traballadoras retrotraeríanos a vellos esquemas e réximes non tan afastados.
Nese marco é imprescindíbel que o Estado español e máis concretamente o goberno do PSOE aposte pola normalización política en chave democrática abandonando os parámetros do franquismo de novo cuño.
Na esperanza de que o pobo traballador vasco non siga sendo criminalizado e confiando en que o dereito, internacionalmente recoñecido, da autodeterminación dos pobos sexa respectado, reclamamos o dereito do pobo vasco á súa libre intervención política.
Galiza, 25 de xaneiro de 2011