Inicio » Formación, V.I. Lenin » Por onde comezar?

Por onde comezar?

“Que facer?”: tal é a pregunta que, durante os últimos anos, fanse con particular insistencia os socialdemócratas rusos. Non se trata de escoller o camiño a seguir (como acontecía a finais da década de 80 e comezos da de 90), senón de sabermos que pasos prácticos debemos dar nun camiño determinado e como debemos dalos. Trátase dun sistema e dun plano de actividade práctica. E cómpre recoñecer que esta cuestión do carácter da loita e dos procedementos para levala a cabo, cuestión fundamental para un partido realista, segue sen resolver e suscita todavía serias diverxencias, que revelan unha lamentábel inestabilidade e vacilación do pensamento. Por unha banda, está aínda moi lonxe de ter morto a tendencia “economista” que procura truncar e restrinxir o traballo de organización e de axitación política. Por outra, sigue levantando orgullosamente a cabeza a tendencia dun eclecticismo sen principios, que se adapta a cada nova “moda”, non sabendo distinguir entre as esixencias do momento e as tarefas fundamentais e necesidades constantes do movemento no seu conxunto. Como é sabido, esta tendencia aniñou en Rabócheie Dielo. A súa última declaración “programática” –un sonoro artigo baixo o sonoro título de Viraxe histórica (núm. 6 do Listok “Rabóchego Diela”)- confirma con toda evidencia a definición que acabamos de dar. Non hai moito coqueteaban co “economismo”, indignábanse porque se censurara enerxicamente a Rabóchaia Mysl, “paliaban” o xeito en que Plekhánov coloca o problema da loita contra a autocracia, e agora citan xa as palabras de Liebknecht: “se as circunstancias mudan en vintecatro horas, hai que mudar de táctica tamén en vintecatro horas”; falan xa de unha “forte organización combativa” para o ataque directo, para o asalto contra a autocracia, de unha “ampla axitación política revolucionaria (miren vostedes que enerxía política e revolucionaria!) entre as masas”, de un “constante chamamento á protesta nas rúas”, de “organizar nas rúas manifestacións dun carácter marcadamente (sic!) político”, etc., etc.

Poderiamos expresar a nosa satisfacción polo feito de que Rabócheie Dielo asimilara tan axiña o programa que nós formulamos xa no primeiro número de Iskra , para formar un partido forte e organizado, con miras a conquistar non só concesións ailladas, senón a fortaleza mesma da autocracia; pero a falta de firmeza nos puntos de vista das persoas que agora asimilaron o noso pode quitarnos toda a satisfacción.

Desde logo, Rabócheie Dielo invoca en van o nome de Liebknecht. En vintecatro horas pódese modificar a táctica de axitación nalgún problema especial, pódese modificar a táctica de realización de algún detalle de organización do Partido, pero mudar, non digamos en vintecatro horas, senón mesmo en vintecatro meses, o punto de vista que se teña sobre o problema de se fai falta en xeral, sempre e absolutamente, a organización de combate e a axitación política entre as masas, é cousa que só poden facer persoas sen principios. É ridículo falar de situación distinta, de unha alternación de períodos: o traballar para que se cree unha organización de combate e se leve a cabo unha axitación política é obrigado en calquera circunstancias “grises e pacíficas”, en calquera período de “decaimento do espírito revolucionario”. E aínda máis: precisamente en tales circunstancias e en tales períodos é especialmente necesario o traballo indicado, porque nos momentos de explosións e estoupidos é xa tarde para crear unha organización; a organización ten que estar preparada, para desenvolver inmediatamente a súa actividade. “Mudar de táctica en vintecatro horas!”. Mais para mudar de táctica cómpre comezar por ter unha táctica, e se non existe unha organización forte, iniciada na loita política en calquera circunstancia e calquera período, non se pode nin falar de un plano de actividade sistemática, alicerzado en principios firmes e aplicado rigorosamente, único plano que merece o nome de táctica. Non tedes máis que fixarvos; dísenos xa que “o intre histórico” levantou ante o noso Partido un problema “absolutamente novo”: o problema do terror. Hai pouco era “absolutamente novo” o problema da axitación e organización política; agora, o problema do terror. Non é estraño ollar como persoas que esquecen até tal punto a súa xenealoxía falan dunha mudanza radical de táctica?

Felizmente, Rabócheie Dielo non ten razón. O problema do terror non é en absoluto un problema novo, e abondará con recordar brevemente o punto de vista xa estabelecido da socialdemocracia rusa.

En principio, non renunciamos nunca nin podemos renunciar ao terror. O terror é unha das formas de acción militar que pode ser completamente útil e até indispensábel nun determinado momento do combate, ante determinado estado das forzas e en determinadas circunstancias. Pero o problema consiste precisamente en que o terror se propugna agora non como unha das operacións dun exército en acción, operación estreitamente ligada a todo o sistema de loita e coordenada con el, senón como procedemento de agresión individual, independente e aillada de todo exército. Faltando unha organización revolucionaria central, e sendo febles as locais, o terror non pode ser outra cousa. Esta é a razón que nos leva a declarar categoricamente que semellante medio de loita, nas circunstancias actuais, non é oportuno nin adecuado ao seu fin; que afasta aos militantes máis activos do seu verdadeiro cometido, máis importante desde o punto de vista dos intereses de todo o movemento; que non desorganiza as forzas gobernamentais, senón as revolucionarias. Lembrade os últimos acontecementos: ante os nosos ollos, grandes masas de obreiros e da “plebe” das cidades arden en desexos de ir á loita, resulta que os revolucionarios carecen dun Estado Maior de dirixentes e organizadores. ¿Non constitúe o paso dos revolucionarios máis enérxicos ao terror, en semellantes circunstancias, un perigo de debilitar os únicos destacamentos de combate en que se poden cifrar esperanzas serias? ¿Non constitúe un perigo de que se rompa o lazo de unión entre as organizacións revolucionarias e as dispersas masas de descontentos, que protestan e están dispostos para a loita, pero que son febles precisamente por estar dispersos? Pois cómpre non esquecer que este lazo de unión é o único garante do noso éxito. Moi lonxe do noso pensamento está o negar todo valor a heroicos golpes isolados, pero é o noso deber previr con toda enerxía contra o excesivo entusiasmo polo terror, contra o consideralo procedemento de loita principal e fundamental, cousa cara a que tanto se inclinan moitísimos no momento actual. Nunca será o terror unha acción militar de carácter ordinario: no mellor dos casos, só é utilizábel como un dos medios a empregar no asalto decisivo. Cabe preguntar se podemos, no momento actual, chamar a semellante asalto. Rabócheie Dielo, polo visto, cre que si. Polo menos exclama: “Formade en columnas de asalto!”. Pero tamén isto é empeño desatinado. A masa principal das nosas forzas de combate compóñena voluntarios e insurrectos. Como exército regular, non temos máis que uns cantos pequenos destacamentos, e aínda estes sen movilizar, sen relación entre si, destacamentos que non saben aínda formar en columnas militares en xeral, e menos todavía en columnas de asalto. En semellantes circunstancias, todo o que sexa quen de albiscar as condicións xerais da nosa loita, sen esquecelas a cada “viraxe” da marcha histórica dos acontecementos, ten que ollar claramente que a nosa consigna no momento actual non pode ser “ir ao asalto”, senón “organizar debidamente o asedio da fortaleza inimiga”. Noutras palabras: o cometido inmediato do noso Partido non pode ser o chamar a todas as forzas con que conta para atacar agora mesmo, senón o exhortar a formar unha organización revolucionaria capaz de unir todas as forzas e de dirixir o movemento, non só nominalmente, senón na realidade, é dicir, capaz de estar sempre disposta a apoiar toda protesta e toda explosión, aproveitándoas para multiplicar e fortalecer os efectivos que se utilizarán no combate decisivo.

As ensinanzas dos acontecementos de Febreiro e de Marzo son de tanta magnitude, que apenas si poderán atoparse agora obxeccións de principio contra esta conclusión. Pero, no momento actual, o que de nós se esixe é que resolvamos o problema practicamente, e non en principio. Non só temos que explicarnos que organización nos fai falta e para que traballo, senón que temos que trazar un plano determinado desta organización, a fin de que se poda encetar a súa estruturación por todos os lados á vez. Dada a urxencia da cuestión, decidímonos pola nosa banda someter á atención dos camaradas o bosquexo de un plano que desenvolveremos máis detalladamente nun folleto do que se está preparando a impresión.

Ao noso xuízo, o punto de partida para a actuación, o primeiro paso práctico cara a creación da organización desexada e, finalmente, o fío fundamental ao que poderiamos asirnos para desenvolver, afondar e ensanchar incesantemente esta organización, debe ser a creación de un xornal político para toda Rusia. Antes que nada, precisamos un xornal. Sen el sería imposíbel desenvolver dun xeito sistemático unha propaganda e axitación fieis aos principios e extensivas a todos os aspectos, que constitúe a tarefa constante e fundamental da socialdemocracia e é unha tarefa particularmente vital nos momentos actuais, nos que o interese pola política, polos problemas do socialismo despertou nas máis extensas capas da poboación. Nunca se sentiu con tanta forza como agora a necesidade de completar a axitación dispersa, levada a cabo por medio da influencia persoal, por medio de follas locais, de folletos, etc., coa axitación regular e xeral, que só pode facerse por medio da prensa periódica. Non creo que sexa esaxerado dicir que o grao de frecuencia e regularidade da publicación (e difusión) dun xornal pode ser a medida máis exacta da solidez con que estea organizada entre nós esta rama da nosa actividade de combate, a máis primordial e a máis urxente. Ademais, necesitamos un xornal destinado precisamente a toda Rusia. Se non sabemos, e mentres non saibamos, coordenar a nosa influencia sobre o pobo e sobre o goberno por medio da palabra impresa, será utópico pensar na coordenación de outras formas de influencia, máis complexas, máis difíciles, pero, en cambio, máis decisivas. O noso movemento, tanto no sentido ideolóxico como no sentido práctico, en materia de organización, resíntese, sobre todo, de dispersión, de que a inmensa maioría dos socialdemócratas están case totalmente absorbidos por un traballo puramente local, que limita o seu horizonte, o alcance da súa actividade e a súa aptitude e preparación para a clandestinidade. Precisamente nesta dispersión deben buscarse as máis profundas raíces da inestabilidade e das vacilacións de que falamos máis arriba. E o primeiro paso adiante para eliminar estas deficiencias, para tornar os diversos movementos locais nun só movemento de toda Rusia, ten que ser a publicación de un xornal para toda Rusia. Por último, necesitamos absolutamente un xornal político. Sen un órgano político, é inconcebíbel na Europa contemporánea un movemento que mereza o nome de movemento político. Sen el, é absolutamente irrealizábel a nosa misión de concentrar todos os elementos de descontento político e de protesta, de fecundar con eles o movemento revolucionario do proletariado. Dimos o primeiro paso, despertamos na clase obreira a paixón polas denuncias “económicas”, polas denuncias de atropelos cometidos nas fábricas. Debemos dar o paso seguinte: despertar en todas as capas do pobo que teñan un mínimo de consciencia a paixón polas denuncias políticas. Non debe asustarnos o feito de que as voces que denuncian politicamente sexan agora tan febles, raras e tímidas. A razón deste feito non é, nin moito menos, unha resignación xeral coa arbitrariedade policial. A razón está en que as persoas capaces de denunciar e dispostas a facelo non teñen unha tribuna para falar desde ela, non teñen un auditorio que escoite avidamente e anime aos oradores, non ven por ningures no pobo unha forza que pague a pena dirixirlle unha queixa contra o “todopoderoso” goberno ruso. E agora todo isto muda con enorme rapidez. Esa forza existe: é o proletariado revolucionario, que demostrou xa estar disposto non só a escoitar e apoiar o chamamento á loita política, senón tamén a lanzarse valentemente á loita. Agora podemos e debemos crear unha tribuna para denunciar ante todo o pobo ao goberno tzarista: esa tribuna ten que ser un xornal socialdemócrata. A clase obreira rusa, a diferenza das demais clases e sectores da sociedade rusa, amosa un interese constante polos coñecementos políticos, e constantemente (e non só en períodos de particular efervescencia) é enorme a súa demanda de publicacións clandestinas. Perante semellante demanda das masas, cando se iniciou xa a formación de dirixentes revolucionarios experimentados, cando a clase obreira chegou a un punto de concentración que a fai de feito dona da situación nos barrios obreiros das grandes cidades, nos poboados das fábricas, nas localidades fabrís, a organización de un xornal político está plenamente ao alcance do proletariado. E, através do proletariado, o xornal penetrará nas fileiras da pequena burguesía urbana, dos artesáns rurais e dos campesiños, e será un verdadeiro xornal político popular.

A misión do xornal non se limita, porén, a espallar as ideas, a educar politicamente e a atraer aliados políticos. O xornal non é só un propagandista colectivo e un axitador colectivo, senón tamén un organizador colectivo. Neste último sentido pódese comparar cos andamios que se erguen arredor de un edificio en construción, que sinalan os seus contornos, facilitan as relacións entre os distintos construtores, axudan a distribuir o traballo e a observar os resultados xerais acadados polo traballo organizado. Mediante o xornal e en relación con este, irase formando de seu unha organización permanente, que se ocupe non só do traballo local, senón tamén do labor xeral regular, que habitúe aos seus membros a seguir atentamente os acontecementos políticos, a apreciar o seu significado e a súa influencia sobre as distintas capas da poboación, a elaborar os medios máis adecuados para que o partido revolucionario inflúa nestes acontecementos. A soa tarefa técnica de asegurar un suministro normal de materiais ao xornal e a normalidade da súa difusión obriga xa a crear unha rede de axentes locais do partido único, de axentes que manteñan animadas relacións entre si, que coñezan o estado xeral das cousas, que se acostumen a cumprir sistematicamente as funcións parciais de un traballo realizado en toda Rusia e que proben as súas forzas na organización de distintas accións revolucionarias. Esta rede de axentes* servirá de armazón precisamente para a organización que necesitamos: o suficientemente grande para abranguer todo o país; o suficientemente vasta e variada para estabelecer unha rigorosa e detallada división do traballo; o suficientemente firme para saber proseguir sen desmaio o seu labor en todas as circunstancias e en todas as “viraxes” e situacións inesperadas; o suficientemente flexíbel para saber, de unha banda, rexeitar as batallas en campo aberto contra un inimigo que ten superioridade aplastante de forzas, cando este concentra toda a súa forza nun punto, pero sabendo, por outra banda, aproveitarse da torpeza de movementos deste inimigo e lanzarse sobre el no sitio e no momento en que menos espere ser atacado. Hoxe levántase ante nós a tarefa relativamente fácil de apoiar aos estudantes que se manifestan nas rúas das grandes cidades. Mañá colocarásenos, se cadra, unha tarefa máis difícil, por exemplo, a de apoiar un movemento de obreiros desempregados nunha rexión determinada. Pasado mañá teremos que estar no noso posto para tomar parte de un xeito revolucionario nun alzamento campesiño. Hoxe debemos aproveitar o agravamento da situación política, producida polo goberno coa súa campaña contra os zemstvos. O día de mañá deberemos apoiar a indignación da poboación contra o desenfreo de tal ou cal bachibuzuk tzarista e axudar –por medio dun boicote, dunha campaña de excitación, dunha manifestación, etc.- a darlle unha lección que o obrigue a unha franca retirada. Semellante grao de disposición combativa só pode formarse por unha actividade constante, que constitúa a ocupación de un exército regular. E se unimos as nosas forzas para asegurar a publicación de un xornal común, ese traballo prosperará e destacará non só aos propagandistas máis hábiles, senón aos organizadores máis expertos, aos dirixentes políticos do Partido máis capaces, que podan, no momento necesario, dar unha consigna para o combate decisivo e dirixilo.

Para rematar, quero dicir unhas palabras coa fin de evitar posíbeis confusións. Falamos, durante todo o tempo, só de preparación sistemática, metódica, pero con isto non quixemos dicir de xeito algún que a autocracia poda caer exclusivamente por un asedio acertado ou por un asalto organizado. Semellante punto de vista sería de un doutrinarismo insensato. Pola contra, é plenamente posíbel, e historicamente moito máis probábel, que a autocracia caia baixo a presión de unha desas explosións espontáneas ou complicacións políticas imprevistas, que sempre se albiscan por todas partes. Pero ningún partido político pode, sen caer no aventureirismo, basear a súa actividade en semellantes explosións e complicacións. Nós temos que marchar polo noso camiño, levar a cabo sen cansar o noso traballo sistemático, e canto menos contemos co inesperado, tanto máis probábel será que non nos colla desprevidos ningunha “viraxe histórica”.

* Claro que estes axentes non poderían traballar eficazmente senón estando vinculados por enteiro aos comités locais (grupos, círculos) do noso Partido. E, en xeral, todo o plano que trazamos non é realizábel, desde logo, senón co apoio máis activo dos comités, que máis de unha vez deron pasos para unificar o Partido e que –estamos certos disto– conseguirano un día ou outro, nun ou noutro xeito.

Escrito en maio de 1901.

Publicado en Iskra, número 4, maio de 1901.