O Comité Local de Redondela da Frente Popular Galega organiza o próximo xoves 24 de febreiro unha mesa redonda baixo o título Urbanismo e Especulación. Massó: Semente do poder veciñal.
Na mesma participarán o membro do Foro Social en Defensa do Pobo de Cangas Antón Fernández Cordeiro, o ex-concelleiro de urbanismo de Cangas pola Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE) e Secretario Xeral da FPG Mariano Abalo e o membro da Frente Popular Galega (FPG) de Redondela Alberto Covelo.
Os relatores trasladarán o paralelismo entre os problemas de especulación urbanística de dúas vilas de similar tamaño e poboación en ambas beiras da Ría de Vigo: Cangas e Redondela. Ao tempo que empregarán o exemplo da loita popular contra os recheos nos terreos da antiga factoría de Massó no Salgueirón para amosar cal é a nosa vía para derrotar á especulación e ao proceso de marbellización que se está a levar a cabo ao redor da Ría viguesa e noutras zonas da costa galega.
A mesa redonda terá lugar na Casa da Cultura de Redondela ás 20:00 horas.
Estades todas e todos convidadas/os.