Coca-Cola ou Pepsi-Cola? FC Barcelona ou Real Madrid? Rolling Stones ou The Beatles? PP ou PSOE? Cola Cao ou Nesquik? Así levamos desde que temos uso de razón: escollendo entre dúas opcións. Así semella que podemos escoller, pero sempre escollemos o mesmo. Sempre escollemos unha bebida azucarada dunha multinacional que explota milleiros de persoas en todo o mundo. Sempre escollemos un equipo de fútbol que máis ben é umha empresa multimillonaria e unha máquina de branquexo de caudais. Sempre escollemos un grupo canonizado polo mercado musical para convertelo en negocio. Sempre escollemos un partido político ás ordes da mesma oligarquía banqueira e empresarial do réxime e do sistema. Sempre escollemos almorzar un cacau en pó fabricado por empresas de alimentación que nos envelenan cos seus transxénicos. Tanto ten.
Ás veces déixannos até tres opcións (!!). Eu desde pre-escolar xa era do Athletic Club, pero iso si, os demais cativos mirábanme coma se fose un becho raro por sairme tan alegremente do bipartidismo futbolístico establecido. Podes almorzar os cereais da Kellogg Company nas súas múltiples formas e sabores. Na Liga Sagres (e porque non Liga Super Bock?) podes ser do Sport Benfica, do FC Porto ou do Sporting de Portugal. Podes votar no BNG ou en EU… Que alternativo, eh? Para que digan logo que non podes escoller… Canto vicio hai!
Sempre podes atopar tamén algún progre, moderno ou posmoderno que che diga que no Comunismo -como din os progres, modernos ou posmodernos, xa que pensan que o comunismo é un universo mais alá de Orión- tan só había -en pasado, por suposto- un partido político. Para alén de que isto sexa completamente falso, xa sabemos que progres, modernos ou posmodernos hai tempo que desmontaron a Renatus Cartesius, porque os progres, modernos ou posmodernos existir, existen, pero o que é pensar, pensan ben pouco. A verdade é que crer na fin da historia e desprezar a loita de clases como motor da mesma ten que deixar ben poucas neuronas vivas.
Pero se fose así, que diferenza habería entre resignarse a escoller unha única opción innegociábel ou resignarse a escoller dúas opcións idénticas? Pois o simulacro, a virtualidade, a aparencia. A “democracia” burguesa -ou ditadura da burguesía- é moi partidaria de aparentar o que non é: democracia. Por iso nos venden a escolla, para facernos crer que decidimos. O que non sabemos é que todo está decidido, que nós non temos que pensar, que xa pensaron e xa decidiron outros por nós. Nós só temos que escoller sen pensar, para pensar que decidimos.
A FPG non ten por que compartir necesariamente os contidos dos artigos de Opinión e de Outras voces, aínda que por unha razón ou outra os consideremos de interese.