Na madrugada do 15 de abril de 1961 avións de combate camuflados coma se fosen cubanos bombardearon os principais aeroportos militares de Cuba. As axencias noticiosas do imperio informaban que se producira unha sublevación da forza aérea “de Castro” e o embaixador de Estados Unidos ante a ONU, Adlai Stevenson -expresión da á máis “progresista” do Partido Demócrata, menos mal!– tratou que o Consello de Seguridade dese organismo emitise unha resolución autorizando a intervención de Estados Unidos para “normalizar” a situación na illa. Non tivo respaldo, pero o plan xa estaba en marcha.
Aquel bombardeo foi a voz de orde para que unha brigada mercenaria que con absoluto descaro a CIA e o Pentágono prepararan durante máis dun ano desembarcase na Baía dos Porcos, co declarado propósito de precipitar o que nos nosos días os melifluos voceiros dos intereses imperiais denominarían eufemisticamente como “cambio de réxime”. En marzo de 1960 –apenas transcorrido pouco máis dun ano do triunfo da Revolución Cubana– o presidente Eisenhower asinou unha orde executiva dando vía libre para desencadear unha campaña terrorista en contra de Cuba e a súa revolución. Baixo o amparo oficial deste programa organizouse o recrutamento dun mil cincocentos homes (un bo número dos cales non eran outra cousa que aventureiros, bandidos ou lúmpem que a CIA utilizaba, e utiliza, para as súas accións desestabilizadoras) dispostos a participar da inminente invasión, colocouse ás organizacións contrarrevolucionarias baixo o mando da CIA (é dicir, a Casa Branca) e creáronse varias “unidades operativas”, eufemismo para non chamar polo seu nome a bandas de terroristas, escadróns da morte e paramilitares expertos en atentados, demolicións e sabotaxes de todo tipo. Máis de tres mil persoas morreron en Cuba, desde os inicios da Revolución, a causa do accionar destes delincuentes levados da man polo goberno dun país cuxos presidentes, invariabelmente, dinnos que Deus púxoos sobre esta terra para levar por todo o mundo o facho da liberdade (de mercados), a xustiza (racista, clasista e sexista) e a democracia (en realidade, a plutocracia). Críano antes, e creno aínda hoxe. Críao o católico John Kennedy e o metodista George W. Bush. A única excepción coñecida de alguén non infectado polo virus mesiánico é a de John Quincy Adams, sexto presidente dos Estados Unidos, home práctico se os hai, quen dixo, en memorábel frase, que “Estados Unidos non ten amizades permanentes senón intereses permanentes”, algo que os gobernos “pitiyankees” dos nosos países deberían memorizar. (Lembrar que este Adams, fillo do segundo presidente de Estados Unidos, John Adams, foi tamén Secretario de Estado do presidente James Monroe, e colaborou activamente na formulación da doutrina que leva o seu nome).
Delincuentes, retomando o fío da nosa argumentación, como Luís Posada Carriles -un dos máis conspicuos criminais ao servizo do imperio, terrorista probado e confeso, autor intelectual, entre moitos outros crimes, da voadura do avión de Cubana en 1976, con 73 persoas a bordo- quen hai apenas uns días foi absolto de todos os seus cargos e goza da máis completa liberdade nos Estados Unidos. Coma se iso fose pouco Washington tampouco o extradita para que poida ser xulgado en Venezuela, país cuxa nacionalidade adoptara durante o transcurso das súas falcatruadas. Barack Obama, indigno Premio Nóbel da Paz, protexe aos verdugos dos nosos pobos até o final das súas vidas mentres mantén en prisión, en condicións que nin sequera se aplican a un asasino en serie, aos cinco loitadores antiterroristas cubanos. Xesto ignominioso o de Obama, pero que ten un afastado antecedente: en 1962, logo da derrota sufrida polo exército invasor recrutado, organizado, adestrado, armado e financiado polos Estados Unidos os prisioneiros que foran capturados polas milicias revolucionarias cubanas foron devoltos aos Estados Unidos ¡para ser recibidos e homenaxeados -si, homenaxeados- por outro “progresista”, o presidente John F. Kennedy! O fiscal xeral dos Estados Unidos, Robert Kennedy, para non ser menos que seu irmán maior, convidou a esa verdadeira “Armada Brancaleone” de matóns e bandidos a integrarse ao exército norteamericano, cousa que foi aceptada por gran parte deles. Non sorprende, por tanto, que periodicamente aparezan tenebrosas historias de atrocidades e vexacións perpetradas por soldados estadounidenses en diversas latitudes, as últimas coñecidas hai apenas un par de días en Afganistán e antes en Abu Ghraib; ou que durante a Administración Reagan -un dos peores criminais de guerra dos Estados Unidos, segundo Noam Chomsky- un coronel do Marine Corps e asesor do Consello de Seguridade Nacional, Oliver North, organizase unha rede de narcotraficantes e vendedores de armas desde o seu despacho situado a poucos metros da Oficina Oval da Casa Branca para financiar á “contra” nicaraguana. Non lle foi tan mal a North despois de que rebentase o escándalo: librou de ir ao cárcere e na actualidade desempéñase en varios programas da ultraconservadora cadea Fox News Channel. Estes episodios revelan con elocuencia o clima moral que prevalece nas lexións imperiais.
A derrota da invasión mercenaria lonxe de aplacar ao imperio exacerbou aínda máis os seus instintos asasinos: a resposta foi a preparación dun novo plan, Operación Mangosta, que contemplaba a realización de numerosos atentados e sabotaxes de cara a desarticular a produción, destruír colleitas, incendiar canavais, obstaculizar o transporte marítimo e o abastecemento da illa e amedrentar aos eventuais compradores de produtos cubanos, especialmente o níquel. En poucas palabras: preparar o que logo sería o infame bloqueo integral que sofre Cuba desde os comezos mesmos da Revolución. Folga dicilo mais o pobo cubano -patriótico, consciente e organizado, fiel herdeiro das ensinanzas de José Martí- frustrou máis unha vez os miserábeis designios da Operación Mangosta. Ao día seguinte do bombardeo aéreo do 15 de abril, na homenaxe que o pobo de Cuba rendía ás súas vítimas, Fidel proclamaría o carácter socialista da Revolución Cubana coas seguintes palabras: “Compañeiros obreiros e campesiños: esta é a revolución socialista e democrática dos humildes, cos humildes e para os humildes”. E o 19 de abril, en Playa Girón, libraríase o combate decisivo que culminaría coa primeira derrota militar do imperialismo en terras americanas. Latinoamérica, a súa respiración contida ante esta reedición do clásico enfrontamento entre David e Goliat, recibiu con inmensa alegría a noticia da derrota das forzas do imperio, e os nosos pobos terminaron por convencerse que o socialismo non era unha ilusión senón unha alternativa real. Outra historia comezaba a se escribir nesta parte do mundo. Durante aquelas históricas xornadas a camarilla contrarrevolucionaria estaba á espera en Miami, presta para trasladarse a Cuba unha vez que os invasores controlasen por 72 horas unha “zona liberada” que lles permitise constituírse como “goberno provisorio” e, desde alí, solicitar o recoñecemento da Casa Branca e a OEA, e a axuda militar de Estados Unidos para derrotar á Revolución. Mais Fidel tamén o sabía, e por iso a súa voz de mando foi a de esmagar á invasión sen perder un minuto, cousa que efectivamente ocorreu. Parece que en Miami aínda seguen esperando.
¦¦ Fonte: Atilio Boron
A FPG non ten por que compartir necesariamente os contidos dos artigos de Opinión e de Outras voces, aínda que por unha razón ou outra os consideremos de interese.