Inicio » Opinión » Roubar en Vigo

Roubar en Vigo

Camiñando polas rúas da nosa cidade, a cidade de Vigo, a Porta do Atlántico, a cabeceira de Turonio, o motor nacional, -ou calquera outra etiqueta de falsa autocompracencia colectiva-, é moi común atopar valados megalómanos, cartaces de grandes dimensións, anuncios a toda páxina e a toda cor na prensa comarcal (escrita, radio e televisión), etc,… lembrándonos “quen fai” tal obra, “quen financia” tal evento, “quen outorga” tal servizo,… e asinados como “Alcaldía” ou como “Tenencia de Alcaldía”.

Tanto nun caso coma no outro, a obra, evento, servizo,… ven da man do Concello de Vigo (Ilmo., seica). Entón, a que ven esa diferenciación entre “Alcaldía e “Tenencia de Alcaldía”? Pois é para lembrarnos: “Detrás disto está o Sr. Caballero” -logo, o PSOE-, ou “Detrás disto está o Sr. Domínguez” -logo, o BNG-. Estamos asistindo sen nos inmutar ao acto descarado de que tanto o PSOE de Vigo coma o BNG de Vigo empreguen publicidade institucional pagada con cartos públicos -é dicir, por todos nós- para facer propaganda dos seus partidos. Partidos que, ademais, xa reciben inxentes partidas de cartos públicos en concepto de representatividade.

O PP, antes de acceder de novo ao goberno da Xunta, tiña denunciado este desfalco algunha que outra vez, anque timidamente. Pero pronto calou a boca, xa que agora pode facer o mesmo que PSOE e BNG, pero asinando a publicidade coma “Xunta de Galicia”, “Deputación de Pontevedra” ou “Porto de Vigo”. Cando precisou un porto promocionarse tanto e dun xeito tan ostentoso ao longo de toda unha cidade?

Existe logo un pacto de silencio. Se todos podemos meter a man no peto dun xeito ou doutro para facer propaganda dos nosos partidos a costa dos cartos do Pobo, para que imos denunciar nada? Mesmo a amplos sectores da “cidadanía” -termo absurdo nunha Monarquía- semella que lles dá igual: “Sempre se fixo”, “Se o fan todos…”, “Todos son iguais”,… Nestes casos é cando nos decatamos de porqué ao Poder lle interesa tanto manter á xente narcotizada e pasiva no seu falso mundo de fútbol-espectáculo, tele-basura e consumismo.

Pois non. Nós pensamos que é hora de alzar a voz. O silencio e a pasividade fai que sexamos partícipes tamén do roubo. É hora de denunciar os abusos, a corrupción, o desfalco, e de sinalar aos culpábeis e aos cúmplices. Non podemos tolerar que se nos tome máis o pelo. Que se nos diga que non hai cartos para comedores escolares, para centros de lecer, para saúde, para albergues, para servizos básicos -sobre todo no rural vigués-,… pero si para regatas multimillonarias, para exibicións militaristas con avións de guerra, para procesións relixiosas fundamentalistas, para o autobombo, a autopublicidade e a autopromoción.

Iso si: Patrocinado por “Alcaldía”, “Tenencia de Alcaldía” ou “Porto de Vigo”. Que non se diga.

A FPG non ten por que compartir necesariamente os contidos dos artigos de Opinión e de Outras voces, aínda que por unha razón ou outra os consideremos de interese.

Etiquetas: