Inicio » Nacional, Movemento obreiro » 1º de Maio: Independencia e unidade para a clase obreira

1º de Maio: Independencia e unidade para a clase obreira

Cada día son maiores e máis duras as agresións do capitalismo sobre a clase traballadora: impunes despedimentos masivos, reformas antiobreiras directas ou indirectas, represión contra os sindicatos de clase e contra as mobilizacións populares, discriminacións laborais e diferenzas salariais nos mesmos postos, impune acoso contra as mulleres no traballo, represión xudicial e silenciamento mediático de calquera voz disidente, etc… Pretenden que sexamos nós, traballadoras e traballadores, quen paguemos obedientes os pratos rotos dos seus excesos, da súa rapina insaciábel por aumentar a toda costa a súa taxa de lucro, da súa orxía de acumulación especulativa e criminal.

Tras o claro mais insuficiente suceso das dúas folgas xerais de setembro de 2010 e de xaneiro de 2011, a oligarquía imperialista española prepara submisa máis medidas cociñadas polos organismos antidemocráticos internacionais -Fondo Monetario Internacional, Banco Mundial, G-8 e G-20, Unión Europea- para manternos esmagadas/os e inmobilizadas/os baixo as súas botas. A próxima: a reforma da negociación colectiva que pretende domesticar máis aínda aos sindicatos do sistema e punir, pola contra, ás centrais de clase.

É por iso que cada vez temos que ter máis claro que ninguén nos vai tirar as castañas do lume, que non hai salvadores supremos -como di certeiramente a letra da Internacional-, que tan só desde a combatividade, a independencia e a unidade de toda a clase obreira poderemos virar as tornas. Non podemos confiar nunca -coma xa non o fixemos no pasado- na falsa “esquerda”, nin na socialdemocracia, nin en ningún tipo de refomismo ou oportunismo. Tan só desde as nosas propias estruturas de clase, desde os nosos movementos obreiros e populares, coas nosas propias ferramentas, poderemos coller o touro polos cornos.

As condicións e motivacións que provocan que o pobo grego, que o estudantado inglés, que a mocidade portuguesa,… se boten á rúa masivamente, son as mesmas que poderiamos ter as obreiras e os obreiros desta Galiza cada vez máis precaria, máis dependente, máis colonizada e cunha xuventude tan formada como desaproveitada, desprezada e condenada á precariedade e á migración. Porén, a alienación, a represión, o desacougo polo que virá e a escravitude do consumismo manteñen todavía á mocidade traballadora e á clase obreira galega -salvo contadas excepcións- maioritariamente alleas ás loitas e ás reivindicacións nas rúas que percorren outras terras.

Aliás, desde a Frente Popular Galega (FPG) seguiremos traballando con firmeza e determinación de clase para organizar, axitar, formar e informar no camiño de crear as condicións subxectivas nas que, coma no resto de Europa e do mundo, o pobo galego asalariado, desempregado e estudante da clase obreira tomemos de novo as rendas do noso futuro para virar as tornas da situación desoladora actual, sempre no camiño cara unha Galiza soberana, sen discriminación e sen explotación. Témolo claro, ou reaximos de contado ou nos esmagarán máis aínda.

Para a Frente Popular Galega, partido comunista fragoado en décadas de loita obreira e de liberación nacional, o 1º de Maio non é un día máis nin unha data ritual, lúdica e folclórica. O 1º de Maio, día do internacionalismo proletario ou día internacional da clase traballadora, debe ser unha xornada de loita e reivindicación da máxima importancia. Unha xornada na que, desde as mobilizacións da Central Unitaria de Traballadores/as (CUT) ou da Confederación Intersindical Galega (CIG), esixirmos con afouteza as nosas reivindicacións de clase fundamentais, o noso programa socialista, obreiro e independentista, así coma a inmediata posta en liberdade dos obreiros da CUT Miguel e Telmo.

Adiante coa loita obreira!

Viva o internacionalismo proletario!

Viva o 1º de Maio!