Inicio » Nacional, Comarcal, Municipais 2011, Municipais 2011 » DIANTE DAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS: TEMPO de COMPROMISO

DIANTE DAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS: TEMPO de COMPROMISO

Estamos seguramente ante unha encrucillada histórica. Ao maior ataque contra os dereitos e conquistas das traballadoras e traballadores dos últimos 50 anos hai que sumar o terríbel acoso que está sufrindo a nosa identidade nacional así como tamén a aceleración na destrución do noso medio natural. Quen asinamos este documento entendemos que non só é preciso enfrontar a grave situación que estamos atravesando senón que ademais é posíbel: este pobo aínda ten enerxías abondo para encarar un futuro distinto ao marcado polo capitalismo e o seu lacaio, o Estado español.

O 22 de maio hai convocadas eleccións municipais. Por vez primeira en moitos anos presentaranse listas de esquerdas e carácter nacional-popular nun número cando menos interesante de concellos. Son listas heteroxéneas, cada unha respondendo á realidade do seu propio ámbito, unhas de alternativa veciñal, outras de coalición e aínda outras de partido… pero todas elas respondendo ás necesidades e ás arelas de amplas capas de galegas e galegos, traballadoras e traballadores, demócratas, patriotas, revolucionarias e revolucionarios, sindicalistas, intelectuais, activistas de distintos movementos sociais…

Perante a encrucillada na que estamos é tempo para un compromiso decidido. Cada un e cada unha desde as súas propias conviccións pero todas e todos vogando nunha mesma dirección e cara un mesmo norte: a completa emancipación das traballadoras e traballadores nunha Galiza soberana. Por todo isto as organizacións Colectivo Nacionalista de Marín (CNM), Espaço Irmandinho (EI), Frente Popular Galega (FPG), Movemento pola Base (MpB) e Partido Comunista do Pobo Galego (PCPG) brindamos o noso apoio e chamamos a participar activamente nas campañas que as distintas candidaturas soberanistas e de esquerdas están poñendo en marcha en varias localidades da nación co fin de artellar ao movemento independentista desde a base.

Na Patria, a 27 de abril de 2011

Etiquetas: