Inicio » Nacional, Solidariedade » Concentración solidaria en Vigo pola liberdade de Otegi

Concentración solidaria en Vigo pola liberdade de Otegi

O vindeiro martes, terza feira 5 de xullo, as amigas e amigos de Euskal Herria en Galiza realizaremos unha concentración solidaria en Vigo esixindo a absolución e liberdade para Arnaldo Otegi e o conxunto de militantes da esquerda abertzale procesad@s no denominado caso Bateragune. A concentración, que coincidirá con outras levadas a cabo en distintos países, terá como lema NON AOS XUÍZOS POLÍTICOS, SOLUCIÓNS XA! e realizarase diante do MARCO (Vigo) a partir das 21h00.

Desde a Frente Popular Galega (FPG) queremos aproveitar esta ocasión para reafirmar unha vez máis a nosa solidariedade con Euskal Herria e a súa loita de liberación nacional e social así como para manifestar o noso pleno apoio aos e ás procesad@s. Facemos en consecuencia un chamamento aos traballadores e traballadoras galegas a secundar esta convocatoria solidaria e aberta. A solidariedade, nunca o esqueceremos, é a tenrura dos pobos.

.

XUÍZO DO CASO BATERAGUNE – DECLARACIÓN

O 27 de xuño comezou na Audiencia Nacional un xuízo cuxa sentenza ben podería marcar un precedente referencial de enorme transcendencia nun duplo sentido: xurídica, en relación cos casos de presunta ilegalización que aínda quedan pendentes; e política, en definitiva, pola gran repercusión que iso poida ter no actual proceso de configuración do escenario político vasco.

Referímonos ao caso Bateragune, no que se atopan procesadas oito persoas, dúas delas de particular significación como son Arnaldo Otegi, en prisión desde a súa detención o 13 de outubro de 2009 e Rafa Díez Usabiaga, en liberdade provisoria baixo fianza tras permanecer seis meses en prisión. Os demais procesados son Arkaitz Rodriguez, Sonia Jacinto e Miren Zabaleta, en prisión desde a data indicada, así como Txelui Moreno, Amaia Esnal e José Manuel Serra, en liberdade provisoria baixo fianza.

Como en todos os procesos ligados á ilegalización de organizacións e partidos políticos, este representa ao noso entender unha flagrante violación de Dereitos Humanos, como o da liberdade de expresión ou de asociación, o que o converte nun caso de extrema gravidade desde o punto de vista democrático.

Non é, por outra banda, un caso sen rechamantes paradoxos. En sentido oposto ás instancias xudiciais españolas, a xeneralidade do país concede credibilidade ao feito de que as persoas procesadas achábanse no momento da súa detención plenamente implicadas nun proxecto de gran calado. O proxecto non é outro que un escenario democrático para Euskal Herria, sen violencia de ETA, sen violencia do Estado, sen violencia política en definitiva.

O devandito proxecto, no que os procesados desempeñaron un particular protagonismo, atópase na orixe de acontecementos como a declaración de Altsasu do 14 de novembro do 2009 ou o relatorio que deu paso ao documento Zutik Euskal Herria, así como pronunciamentos e compromisos tan significativos como a declaración do Palacio Euskalduna do 7 de febreiro do presente ano, ou mesmo unha alternativa electoral como Bildu, legalizada a instancias do Tribunal Constitucional.

Non deixa de ser un contrasenso flagrante, por outra banda, que aínda á espera da sentenza do Tribunal Constitucional en materia de legalización de partidos en relación con Sortu, a Audiencia Nacional pretenda tomar dianteira acelerando a vista de casos como este.

É necesario liberar o presente, e sobre todo o futuro, das cadeas do pasado. Os sumarios herdados de situacións anteriores deberían resolverse na dirección dos novos tempos, sen dar lugar a que nostálxicos do onte fustriguen desde o campo xudicial a actual esperanza de todo un país, de toda unha sociedade.

É necesario pór fin aos xuízos que obstaculizan a nosa esperanza e substituílos por iniciativas de resolución que faciliten canalizarmos de xeito definitivo o contencioso político en termos exclusivamente democráticos.

Desde esa convicción, queremos facer un chamado a participar na concentración que o día 5 de xullo haberá en Vigo en torno ao lema NON AOS XUÍZOS POLÍTICOS, SOLUCIÓNS XA!.

A transcendencia de canto está en xogo é enorme. A conciencia crítica do conxunto da sociedade respecto diso ha de chegar de maneira nítida ás instancias políticas e xudiciais do Estado español. Situarse á altura dos acontecementos esixe dar un paso á fronte. É o momento do protagonismo activo. Velaquí unha boa oportunidade.

Galiza, 2 de xullo de 2011