Inicio » Outras voces, De economía » Enfrontarse á crise da débeda en Europa

Enfrontarse á crise da débeda en Europa

Un dos avatares da crise do sector financeiro que comezou en 2007 en Estados Unidos, e que se estendeu como regueiro de pólvora en Europa, é a enerxía que despregaron os bancos do oeste europeo (sobre todo alemáns e franceses[1], pero tamén belgas, holandeses, británicos, italianos, luxemburgueses, irlandeses…) para utilizar os fondos prestados ou doados masivamente pola Reserva federal e o Banco Central Europeo (BCE). Con eles lograron aumentar, entre 2007 e 2009, os seus empréstitos a varios países da zona euro (Grecia, Irlanda, Portugal e Estado español), dos que obtiveron espléndidos beneficios producidos por uns altos tipos de xuro. Como exemplo: entre xuño de 2007 (comezo da crise das subprime) e setembro de 2008 (quebra de Lehman Brothers), os empréstitos bancarios privados de Europa occidental a Grecia aumentaran nun 33%, pasando de 120.000 millóns a 160.000 millóns de euros. Os banqueiros de Europa occidental andiveron ás pegas para outorgar empréstitos á periferia da Unión Europea, que desexaba endebedarse. Non contentos de arriscarse en forma extravagante alén do Atlántico no mercado das subprime co diñeiro confiado polos aforradores, repetiron a mesma operación en Grecia, en Portugal, en España… Efectivamente, a pertenza á zona euro dalgúns países da periferia convenceu aos banqueiros dos países do oeste europeo de que os gobernos, o BCE e a Comisión Europea axudaríanos en caso de problemas. E non se equivocaron.

Cando a zona euro foi sacudida por fortes turbulencias, a partir da primavera de 2010, o BCE emprestaba a xuros vantaxosos do 1 % aos bancos privados, que á súa vez esixían a países como Grecia xuros superiores, entre o 4 e 5 % para empréstitos a tres meses, e ao redor do 12 % para os títulos a 10 anos. Os bancos e os outros investidores institucionais xustificaron tales esixencias polo risco de cesación de pagamentos que pesaba sobre os chamados países de risco. Unha ameaza tan forte que os tipos de xuro aumentaron considerabelmente: o empréstito concedido polo FMI e a Unión Europea a Irlanda en novembro de 2010 alcanzaba o 6,7 %, contra o 5,2 % concedido a Grecia seis meses antes. En maio de 2011, o tipo de xuro para Grecia, para empréstitos a 10 anos, excedía o 16,5 %, o que obrigou a este país a tomar empréstitos a tres ou seis meses, ou dirixirse ao FMI ou a outros países europeos. Desde entón, o BCE debe garantir as débedas dos bancos privados comprándolles os títulos dos Estados… aos que, en principio, ten prohibido emprestar directamente.

Para tratar de diminuír os riscos, os bancos franceses diminuíron en 2010 a súa exposición en Grecia, que se reduciu nun 44 %, pasando de 27.000 millóns a 15.000 millóns de dólares. Os bancos alemáns efectuaron un movemento similar: a súa exposición directa baixou un 60 % entre maio de 2010 e febreiro de 2011, pasando de 16.000 millóns a 10.000 millóns de dólares. Foron o FMI, o BCE e os gobernos europeos os que substituíron progresivamente aos bancos e outras entidades financeiras privadas. O BCE posúe en forma directa 66.000 millóns de euros de títulos gregos (ou sexa, o 20 % da débeda pública grega) que adquiriu no mercado secundario aos bancos. Aínda que, até maio de 2011, o FMI e algúns gobernos europeos xa emprestaran 33.000 millóns de euros, os seus empréstitos continuaron aumentando. Mais iso non para aí, o BCE aceptou dos bancos gregos 120.000 millóns de euros en títulos da débeda grega como garantías (colaterais) de empréstitos que outorgara cun tipo de xuro do 1,25 %. O mesmo procedemento reproduciuse con Irlanda e Portugal.

Atopámonos, por tanto, con todos os ingredientes da xestión da crise da débeda do Sur, mediante o Plan Brady. A comezos da crise que estourou en 1982, o FMI e os gobernos das grandes potencias, Estados Unidos e Gran Bretaña á cabeza, foron ao rescate dos bancos privados do Norte que se arriscaron enormemente emprestando, de forma compulsiva, aos países do Sur, sobre todo en América Latina. Cando países como México se encontraron á beira da cesación de pagamentos como resultado do efecto combinado do aumento dos tipos de xuro e do descenso nos ingresos por exportacións, o FMI e os países membros do Club de París concedéronlles empréstitos coa condición de que continuasen reembolsando as súas débedas e que aplicasen plans de austeridade (os famosos plans de axuste estrutural). Mais, como o endebedamento do Sur aumentaba polo efecto de bóla de neve (como está a pasar neste momento en Grecia, Irlanda, Portugal, e noutros países da UE), puxeron en marcha o Plan Brady (chamado así polo secretario do Tesouro estadounidense desa época) que implicou unha reestruturación da débeda dos principais países endebedados mediante un intercambio de títulos. O volume da débeda reduciuse nun 30 % en certos casos e os novos títulos (os títulos Brady) garantiron un tipo fixo de xuro de preto do 6 %, o que foi moi favorábel para os banqueiros. Iso tamén asegurou a execución das políticas de austeridade baixo o control do FMI e do Banco Mundial. Con todo, a longo prazo, o importe total da débeda aumentou e as sumas a reembolsar foron enormes. Se se ten en conta só o saldo neto entre as sumas emprestadas e as reembolsadas desde a implantación do Plan Brady, os países en desenvolvemento transferiron aos acredores o equivalente a máis de seis plans Marshall, é dicir preto de 600.000 millóns de dólares. Non se tería que evitar que suceda algo similar? Por que se debe aceptar que os dereitos económicos e sociais dos pobos sexan unha vez máis sacrificados no altar dos banqueiros e doutros actores dos mercados financeiros?

Segundo os bancos de investimentos Morgan Stanley e J.P. Morgan, en maio de 2011, os mercados consideraban que había un 70 % de probabilidade de que Grecia entrase en cesación de pagamentos, contra un 50 % de dous meses antes. O 7 de xullo de 2011, Moody’s colocou a Portugal na categoría de débedas de alto risco. Uns días despois, os especuladores atacaban Italia. Por tanto, temos unha razón suplementaria para pedir a anulación: é necesario auditar as débedas, con participación cidadá, co fin de anular a parte ilexítima. Se non se toma esta opción, as vítimas da crise sufrirán perpetuamente unha dupla condena en beneficio dos culpábeis, os banqueiros. Vese perfectamente en Grecia: as curas de austeridade sucédense sen que mellore a situación das contas públicas. Pasará o mesmo con Portugal, Irlanda, España… Unha gran parte da débeda é ilexítima xa que provén dunha política que favoreceu a unha ínfima minoría da poboación en detrimento de unha esmagadora maioría de cidadáns e cidadás.

Nos países que asinaron acordos coa Troica, as novas débedas non son só ilexítimas senón tamén odiosas, e isto débese a tres razóns:

1) Os empréstitos están infestados de condicións que violan os dereitos económicos e sociais dunha gran parte da poboación.

2) Os prestamistas fan chantaxe a eses países (non hai unha verdadeira autonomía de vontade do que necesita o empréstito).

3) Os prestamistas enriquécense de forma abusiva impondo tipos de xuro prohibitivos (por exemplo, Francia e Alemaña toman empréstitos ao 2 % nos mercados financeiros e emprestan a máis do 5 % a Grecia e a Irlanda; os bancos privados obteñen empréstitos ao 1,25 % do BCE, e emprestan a Grecia, Irlanda, Portugal a máis do 4% a 3 meses). Estes países ou os de Europa do Leste (e fóra da UE, países como Islandia), é dicir aqueles que son sometidos á chantaxe dos especuladores, do FMI e doutros organismos, como a Comisión Europea, convén que recorran a unha moratoria unilateral do reembolso da débeda pública. É un medio inevitábel para conseguir crear unha relación de forza favorábel. Esta proposta é cada vez máis popular nos países máis afectados pola crise.

Deberíase efectuar, tamén, baixo control cidadán, unha auditoría da débeda pública. O obxectivo da auditoría é conseguir unha anulación/repudio da parte ilexítima ou odiosa da débeda pública e reducir fortemente o que reste de débeda.

A redución radical da débeda pública é unha condición necesaria mais non suficiente para que os países da UE saian da crise. É necesario completala con toda unha serie de medidas de gran amplitude nos diferentes ámbitos (fiscalidade, transferencia das finanzas ao dominio público, resocialización doutros sectores chave da economía, redución do tempo de traballo co mantemento dos salarios e contratación compensatoria, etc.).

A flagrante inxustiza que domina as políticas regresivas actualmente implantadas en Europa alimenta a poderosa mobilización de indignados en España, en Grecia ou noutras partes. Grazas a estes movementos, que se inspiraron nos levantamentos populares de África do Norte e do Próximo Oriente, estamos a vivir unha aceleración da historia. A cuestión da débeda pública debe ser afrontada de maneira radical.

—-

[1] A finais de 2009, os banqueiros alemáns e franceses posuían o 48 % dos títulos da débeda externa española (os bancos franceses o 24 %), 48 % de títulos da débeda portuguesa (os bancos franceses o 30 %) e o 41 % dos títulos da débeda grega (os franceses á cabeza co 26 %).

Escrito por Damien Millet e Eric Toussaint

¦Fonte: Cubadebate

A FPG non ten por que compartir necesariamente os contidos dos artigos de Opinión e de Outras voces, aínda que por unha razón ou outra os consideremos de interese.

Etiquetas: ,