Inicio » Nacional, Día da Patria, Día da Patria 2011 » Día da Patria 2011: LOITA E UNIDADE. INDEPENDENCIA E SOCIALISMO

Día da Patria 2011: LOITA E UNIDADE. INDEPENDENCIA E SOCIALISMO

Manifesto da Frente Popular Galega (FPG) perante o Día da Patria 2011

Ao Pobo Traballador Galego:

A crise. Todo o mundo fala da crise. Unha crise que de certo veu para ficar. Os medios de comunicación empresariais, os do sistema, con donos que teñen nomes, apelidos e intereses, simplifican todo coa denominada crise. O que seguro sabemos é que, a pouco que escaravellemos tras a pesada lousa que o réxime cos seus medios á cabeza impón, é que o que eles chaman “a crise” de maneira reducionista non é unha senón varias entrelazadas e ademais moi fondas, tan fondas que mesmo afectan ao conxunto do sistema capitalista como tal. Asistimos pois a “unha crise” do propio modo de produción capitalista por moito que o tenten agochar ou camuflar con eufemismos e simplismos.

Aínda lembramos, porque aínda que non queiran o pobo ten memoria, como as propias elites políticas afirmaban que era o momento de “refundar o capitalismo” que non era máis que a ladaíña repetida do “capitalismo con rostro humano” de outras décadas.

Tres pequenas consideracións, xa que logo, sobre “a crise”.

En primeiro lugar esta “crise” está poñendo a cada quen no seu sitio polos seus propios feitos. Delimita perfectamente cada lado da trincheira. Por unha banda os culpábeis e os seus colaboradores: a gran burguesía das grandes corporacións financeiras e industriais e ao seu servizo os Estados democrático-burgueses cos seus partidos “de goberno” e os seus “políticos profesionais”, e tras eles distintas gradacións de máis a menos na colaboración e por tanto no beneficio… E por outra banda estamos quen sufrimos, as grandes maiorías sociais, as traballadoras e traballadores e aqueles pertencentes ás capas populares non monopolistas…

En segundo lugar esta “crise” a quen queira velo, e é o noso deber explicalo de maneira clara, non é nin máis nin menos que a expresión máis palpábel da recomposición estratéxica que o capital está levando a cabo do seu propio modo de produción. A ofensiva brutal contra as conquistas obreiras e populares que implica esta recomposición estratéxica non está encontrando resistencias significativas, encontra, iso si, resistencias heroicas, deslabazadas moitas veces, como herba aquí e acolá, mais non á altura da agresión.

En terceiro lugar é claro que cada formación social ten a súa propia dinámica, tamén de resistencia e loita. Non hai fórmulas máxicas para a vitoria. Cada pobo ten que encontrar a súa maneira de avanzar, e só avanzando todos, cada un ao seu xeito, poderemos poñer couto ao imperialismo. Eis o verdadeiro internacionalismo.

Desde a FPG sempre advertimos, fronte os cantos de serea de certos sectores nacionais, que a Unión Europea (UE), antes CEE, non é o marco idílico de dereitos e liberdades que algúns quixeron vender en contraposición a outros modelos capitalistas. Tras, polo menos, a súa segunda bancarrota a socialdemocracia é un proxecto morto e a UE fica hoxe ao descuberto que non é máis que o triunfo das grandes oligarquías europeas, é dicir hoxe máis que nunca a UE é a Europa dos mercaderes.

Mentres tanto a oligarquía española aproveita a “crise” nun duplo sentido. Por un lado pretende seguir aumentando a súa taxa de lucro a costa das maiorías sociais, entre outras medidas reformando o “mercado laboral” en favor dos empresarios e rematando de privatizar o pouco que lle queda ao Estado español por privatizar, e por outro busca recentralizar nas súas mans aquelas cuotas de poder que foron transferidas ás denominadas, polo españolismo, “periferias”.

Hai agora un ano falabamos da necesidade de abrir camiños á República Galega construindo a ferramenta política ampla e plural que a nación precisa para recuperar a ilusión nas súas propias forzas. Hoxe perante un novo Día da Patria na FPG reafirmámonos no dito xa que só con loita e unidade poderemos desatrancar o longo camiño que temos por diante. Non nos debemos enganar: a conxuntura é moi difícil e as perspectivas de futuro para Galiza son pésimas. Só desde a unidade e a loita do pobo traballador galego e as súas organizacións poderemos albiscar a esperanza de mudar o rumbo marcado pola oligarquía española e as súas moitas correas de transmisión no noso país.

Xa hai uns anos que desde a FPG traballamos por unha auténtica resposta nacional nas rúas, non só a mobilización dos cada vez máis cativos aparellos burocráticos das organizacións maioritarias -ou as escenificacións apenas testemuñais- senón unha resposta conxunta de todas as organizacións nacionais grandes, medianas e pequenas, e a resposta foron caricaturas de mobilización as máis das veces por espúreos intereses electoralistas. En Galiza as organizacións non estamos respondendo ao que demandan as traballadoras e traballadores e ao que esixe o nivel da agresión. Seguramente, e de non cambiar o rumbo quen máis responsabilidade ten, imos ter á dereita española neofranquista por moito tempo nas institucións autonómicas.

Para a loita é de máxima importancia a unidade. Mais non a unidade case fetichista que algúns sectores enarboran constantemente para despois facer todo o contrario do que proclaman. A unidade da clase obreira galega en torno aos seus obxectivos a curto e longo prazo é o principal vieiro que debemos percorrer e a unidade do conxunto do pobo traballador galego na loita por superar o actual marco político, económico e cultural que nos aferrolla é a liña de demarcación hoxe entre quen apostamos por unha nova Galiza, soberana, próspera e xusta, e quen teima en modelos grises, antipopulares e fracasados, como o autonómico actualmente vixente.

Cómpre, en definitiva, sairmos do círculo en que pretende circunscribirnos o inimigo, sen fuxidas cara adiante que rompan os ritmos establecidos, e sumarnos á inmensa corrente de indignación e rebeldía que tamén flúe na nosa nación, as máis das veces polos subterráneos da liberdade.

Por unha nova Galiza,

Viva o 25 de xullo!

Independencia e socialismo!

Desde a Frente Popular Galega queremos lembrar que neste Día da Patria apoiamos unha vez máis a manifestación nacional convocada pola plataforma autodeterminista Causa Galiza que sairá ás 12h30 da Alameda de Compostela e, así mesmo, tras a manifestación a FPG celebrará o seu tradicional xantar de confraternidade no Pedroso como nestes últimos anos.

>> Manifesto da FPG perante o Día da Patria 2011 (pdf)

Etiquetas: