Inicio » Nacional, Día da Patria, Día da Patria 2011 » Tras o 25, avantarmos coa clase e coa Patria

Tras o 25, avantarmos coa clase e coa Patria

Alén de ser o noso Día Nacional, para a esquerda galega o 25 de xullo marca o fin e o comezo do vello e do novo curso político respectivamente. Nin as ditaduras, nin o fascismo, nin o españolismo, puideron apagar o lume desta data que cristalizou a primeiros do século pasado de man dos lexítimos valedores da nosa causa nacional. Con todo, este 25 de xullo, veu acompañado da celebración simbólica do 25 aniversario da constitución do Partido Comunista de Liberación Nacional (PCLN), sen dúbida xermolo do noso Partido.

Este Día da Patria veu caracterizado tamén por se desenvolver nun tempo de agresión ao conxunto do pobo traballador, xa non só a causa da crise do Capital, senón coa escusa dela propia. Navalladas sistemáticas á clase obreira e ao todo das clases populares co derrube asistido dos sistemas de protección social, coa merma dos dereitos conquistados con esforzo pola colectividade proletaria, co apuntalamento do seu programa de espolio colonial (no mar, no naval, no agro…), co desarme programado das nosas estruturas simbolico-identitarias (a lingua, o territorio e, claro, a cultura), e como non, coa regresión ao pasado “dourado” dun Capitalismo que tenta remontar unha crise (que tamén o é ideolóxica, de valores) e que remoza a súa alianza co nacional-catolicismo no Estado español na procura de perpetuar a opresión das mulleres, condenadas ao traballo reprodutivo nas prisións do fogar. E como non, das e dos que diverxen dos patróns heteropatriarcais.

Con orgullo e sen complexos, e máis neste tempo, aspira a Frente Popular Galega ás máis altas cotas de liberdade, igualdade e fraternidade para nós, a clase traballadora. Aspiramos a desenvolver un programa emancipatorio que, 140 anos despois da Comuna de París, segue a se chamar democracia proletaria, no seo dunha Galiza Independente, e que segue a levar por símbolo a bandeira vermella que os e as communards izaran sobre o Hotel de Vîlle.

É por iso que non podemos deixar pasar unha data tan significativa coma a do 25 de xullo estendermos unha breve análise política, desde os parámetros dunha organización ao servizo do proletariado, da saúde do conxunto de forzas políticas, que operan no País e que, nesta data central do noso calendario político, tiran o veo dos seus intereses de clase.

Os grupos políticos coloniais, PP-PsoE, están a traballar arreo na defensa dos intereses das oligarquías financeiras e económicas, e isto pasa pola instauración dogmática do pensamento e a práctica neoliberais, que pode ser sintetizada nunha chave: dependencia. Dependencia colonial, coa implosión da voz e dos altofalantes do centro político Madrid, coa invisibilización dos elementos simbólicos de noso cunha profunda campaña na que botan man dos seus instrumentos ideolóxicos e económicos, e por suposto, co silenciamento represivo das nosas reivindicacións nacionais –con Cortizo (PsoE) e Conde Roa (PP) á cabeza- desenvolvendo un programa contra os sectores máis conscientes da esquerda de militancia e dirección galegas na forma de prohibicións traizoeiras e dunha salvaxe violencia e vixilancia policiais. Dependencia tamén patriarcal, onde a Xunta de Galiza de Feijoo se está a constituír en avangarda reaccionaria da institucionalización e lexitimación da violencia contra as mulleres (vg. Lei de Familia), e abofé, dependencia dos mercados. Ditadura dos mercados cuxo centro se sitúa mesmo fóra do Estado e que cae como unha lousa pesada sobre o conxunto do pobo.

A estrutura de partidos e forzas xenuinamente galegas non esboza un panorama mellor. Todo está por construír desde, e para, a clase obreira galega. Desde a “oficialidade”, o nacionalismo unionista, domesticado e desartellado polo abandono total das rúas e enleado nas loitas intestinas polos restos dunha nave –o BNG– que vai cara ás pedras, fica estancado no seu medre e escenifica, máis unha vez, a tremenda división interna da súa base militante e simpatizante. Ademais demostra ser unha organización que vive de rendas e que mantén unhas cúpulas en eterno estado de interinidade. Tamén por isto, demóstrase incapaz como ferramenta política, no agora, de facerlle fronte ao afondamento da ofensiva neoliberal, actuando de muro de contención da disidencia anticapitalista e soberanista, e xestionando torpemente uns intereses confusos no seu labor parlamentar.

O independentismo galego, na situación de emerxencia nacional que vive Galiza, no seo da ampla ofensiva da ultradereita que relatamos, organízase. Malia que, artificalmente, sobreviven aínda iniciativas izadas sobre intereses de clase confusos, que se caracterizan na súa práctica política por un sectarismo liquidacionista, revestido, iso si, da retórica do radicalismo estético e de discursos a cada pouco máis milenaristas ou mesiánicos, non interfiren xa nos espazos de diálogo para a construción do edificio dun movemento nacional-popular que está a evoluír, marcado polas condicións obxectivas e subxectivas, cara a posicións cada vez máis identificadas co conxunto do pobo traballador galego. É hoxe que podemos dicir tamén, que o discurso e a práctica do esencialismo patriótico perde necesariamente terreo no seo das forzas independentistas do noso País e fica só polas marxes de calquera espazo de artellamento colectivo.

Este 25 de xullo visibilizou unha realidade que require a nosa análise e interese: a iniciativa autodeterminista Causa Galiza, que volveu contar co apoio do noso Partido, está a ocupar un lugar a cada pouco máis relevante no artellamento da esquerda nacional. Foi quen de atraer un maior número de apoios e adquirir certa referencialidade no tecido organizativo galego. Así, sumada á concreción dunha manifestación máis numerosa cuantitativamente, está o achegamento a esta iniciativa de activos e activas militantes de entidades sociais referencias para o País, profundamente politizadas, xaora do feminismo, xaora do sindicalismo, o ecoloxismo ou do mundo da cultura, entre outras, onda a súa impulsión e extensión territorial. Isto, abre a necesidade dunha reflexión sobre a saúde do movemento independentista, e as diversas posibilidades de artellamento da defensa activa do “ben común”.

A sucesión de condicións positivas para o necesario artellamento e medre da esquerda independentista galega preocúpalle sen dúbida ao Estado Imperialista Español (EIE), polo que o panorama de crecente represión global contra da esquerda independentista galega sufriu, e vai seguir a sufrir, un recrudecemento cualitativo. Vémonos pois na obriga a repensar colectivamente as tácticas e estratexias de resposta popular.

A Frente Popular Galega, pecha tamén un ciclo político. O xantar de confraternidade do Monte Pedroso vai consolidando ano a ano a súa función de sociabilización do noso proxecto, na xornada de reivindicación nacional do 25 de xullo. No mesmo, para alén de contarmos con saúdos e adhesións internacionais, e de desfrutarmos da camaradería de militantes e simpatizantes das distintas zonas do País, fixemos un balanzo consecuente do curso político saínte e puxemos en común a necesidade de poñernos mans á obra no noso calendario político futuro. Necesidade de reflexionarmos sobre un escenario político a cada pouco máis agresivo para co pobo traballador galego, e de repensarmos as ferramentas de emancipación nacional e de clase, coa mirada posta no próximo outono de cara a celebración do noso Congreso Nacional.

Destacamos, desta volta, a significación do sindicalismo nacional e de clase nas dúas folgas xerais de setembro e xaneiro, o éxito da candidatura popular da FPG en Redondela, a reforzamento de ACE como modelo funcional de unidade popular municipalista, o alentador comezo do proxecto político-cultural do centro social obreiro Bou Eva de Vigo e o reforzamento organizativo que significou para a mocidade comunista de ADIANTE a celebración do seu 3º Congreso Nacional, rematando con éxito a súa etapa de consolidación e encetando unha nova de medre e expansión.

Agora, con UNIDADE E LOITA e como levamos facendo como FPG desde hai 23 anos, é o intre de collermos folgos para continuar analisando, debatendo, traballando, organizando e loitando arreo para mudar cada cousa do real.

Agora, alicerzar as condicións obxectivas para realizar de cara ao futuro o poder obreiro: a democracia proletaria. Agora, proseguir en todos os niveis a batalla a prol da emancipación real e socialista das mulleres, isto é, a igualdade real. Agora, militar incansabelmente na urxencia da Independencia nacional galega.

Porque, con humildade, soberanía, coherencia e dignidade: o futuro é noso!

INDEPENDENCIA E SOCIALISMO!

Etiquetas: