Inicio » Nacional, Da Galiza Mártir » Moncho Reboiras, 36 anos despois do seu asasinato

Moncho Reboiras, 36 anos despois do seu asasinato

Un ano máis, o 12 de agosto queremos lembrar a memoria do camarada Xosé Ramón Reboiras Noia. Nun contexto socioeconómico e político no que os proxectos de resistencia, como a FPG, deben actualizar, procurando nas achegas que este mozo obreiro fixo ao movemento nacional-popular galego, os resortes da intelixencia colectiva á hora de poñer en correlación todas as forzas sociais e políticas que poden acelerar as contradicións do Capital deica destruílo, no tempo en que este sistema produtivo está a nos dar unha lección fundamental: a mellor forma de rexenerarse é degradando o custo que a man de obra representa para él, mediante o recrudecemento e agudizamento dos diferentes sistemas de opresión e propia explotación. Isto non significa máis do que o seguinte: a recomposición que o sistema capitalista está a desenvolver para superar a súa crise implica pechar máis os elos da cadea que lle foi posta ao pescozo ao pobo traballador.

Galiza permanece, como hai 36 anos, nunha dura situación de emerxencia nacional. Alimentada polos caracteres específicos que na nosa terra adopta a crise estrutural que padecemos, derivada da nosa perpetua dependencia colonial. Desemprego, precariedade, racismo e desprezo pola lingua e cultura propias, emigración, machismo, recorte de dereitos, saqueo colonial dos nosos recursos, e un longo etcétera de agresións contra o pobo traballador galego son as realidades cotiás que o Capital, a través do deseño imperialista español, quere para nós.

As fórmulas de resistencia deben ser repensadas á luz da crise política nacional galega. Cómpre artellar novas ferramentas e fórmulas de resistencia para facerlle fronte aos inimigos de sempre. A través do tempo, o legado de Moncho Reboiras, que chega deica nós a través do Partido Galego do Proletariado e do Partido Comunista de Liberación Nacional, cobra abonda importancia. A consolidación do proxecto emancipador e das posibilidades de transformación social seguen a ir vencelladas hoxe irremediabelmente á consolidación do Partido Comunista, de orientación marxista-leninista. Converterse nese referente político na nación galega segue a ser o principal emprego de forza militante que a Frente Popular Galega fai hoxe. Reartellar o espazo sindical, xuvenil, cultural e social nacional segue a ser o principal compromiso das nosas análises e da posta en práctica das políticas que a FPG desenvolve.

Por iso, este 12 de agosto a FPG participará do acto organizado pola mocidade comunista de ADIANTE, que terá lugar ás 19:00 horas no barrio obreiro de Teis, sendo conscientes de que a entrega e compromiso do Moncho son un referente para todas e todos nós. Ao remate do acto, participaremos tamén nunha cea de confraternidade organizada pola Asociación Cultural Bou Eva no seu centro social, situado no número 11 da Rúa Tercio de Fóra.

INDEPENDENCIA E SOCIALISMO!

A LOITA CONTINÚA!!

Etiquetas: ,