O vindeiro mércores 14 de setembro ás 20:00 horas, o noso Partido participará con outra ducia e media de organizacións, colectivos e sindicatos nunha concentración popular promovida pola Federación de Asociacións de Veciños/as de Vigo e a Asociación pola Memoria para exixir aos responsábeis municipais, encabezados polo alcalde Abel Caballero, que deixen de incumprir veladamente a Lei de Memoria Histórica e que procedan coa inmediata retirada da cruz fascista da ladeira do Castro.
A data da concentración coincide precisamente co 50º aniversario da inauguración do monumento nazi-fascista en 1961 baixo a macabra e falaz palabra de orde “25 años de Paz”. Entendemos, polo tanto, que medio século de aldraxe xa foi máis que abondo.
Lembremos que a cruz non foi erixida como un símbolo relixioso malia o claro apoio da igrexa católica ao xenocidio franquista e que está adicada tamén á unidade española de apoio ao exército nazista alemán chamada División Azul.
Cómpre destacar tamén que os membros da corporación municipal, e nomeadamente Caballero, están a delinquir conscientemente ao non executar unha lei de obrigado cumprimento. Non podemos permirtir que Pp, PsoE e BnG se mofen das vítimas e de todas e todos os antifascistas en xeral.
Nin un paso atrás!
Derrubemos o fascismo!