Inicio » Nacional, Defensa da Terra » Se o Capital se move a 300 km/h…

Se o Capital se move a 300 km/h…

A dimensión antieconómica, antisocial e antiecolóxica do establecemento dun sistema de transporte ferroviario ao servizo dos intereses das minorías sociais (léase outra volta, clase dominante) forma parte do panorama tráxico de expropiación por parte do Capital dos recursos da maioría social.

No deseño e execución dos trazados da alta velocidade en Galiza, visibilízase con claridade a que intereses responde no agora o conxunto de políticas públicas que se están a desenvolver nun momento no que ao amparo da “crise estrutural do Capital” se están a producir agresivos recortes de dereitos sociais e políticos. Non priman desde logo, os intereses daquelas traballadoras e traballadores que nas fábricas, oficinas, establecementos, centros de traballo e fogares de Galiza están a producir verdadeiramente a riqueza social. E si priman, pola contra, as necesidades dunha aristocracia que pretende que esta crise que ela mesma provocou na súa ansia de máis e máis lucro non lle pase factura, procurando mediante o dilapidamento de fondos públicos o establecemento de redes de transporte (de mercadorías) que sirvan ao seu interese de mobilidade rápida e eficaz entre as metrópoles económicas. O Capital quere circular máis rápido sobre a nosa miseria colectiva.

Mentres quen administra os intereses da oligarquía (vista cal cor queira vestir) lle pasa a tesoira aos investimentos e gastos necesarios para a colectividade, isto é, dereitos sociais (pensións, desemprego, axudas á dependencia…), económicos e políticos, si hai financiamento posíbel para as obras públicas faraónicas ao servizo de ninguén. O peche de diversas estacións como a de Chapela (que os e as camaradas do noso Partido en Redondela denuncian) coa apertura da nova estación (provisional) de Guixar (Vigo), demostran que administracións absolutamente inútiles para a xestión do ben común, abandonaron a responsabilidade primordial que era, e segue a ser, a modernización do trazado ferroviario (e do conxunto do transporte público) xa existente en aras de facelo máis eficiente, segundo os criterios que o propio trazado do tren de proximidade impón: un modelo de transporte económico, cun impacto menor sobre o medio natural, e que responde á distribución xeográfica das poboacións na Nación galega, facilitando as lóxicas de mobilidade que menor impacto teñen en todos os ámbitos.

A idea da Frente Popular Galega é e será a idea da nosa emancipación nacional e transformación social. Por iso, nos identificamos coas diversas fórmulas de contestación e loita populares contra as agresións constantes do Capital. No ámbito deste compromiso, cómpre tombar os discursos demagóxicos da clase dominante e repoñer un programa político que responda aos intereses das clases populares de Galiza. O pobo traballador galego precisa dun modelo de transporte (e non só ferroviario) ao seu servizo, o que é o mesmo que dicir, un modelo de transporte que non resulte agresivo para co noso medio natural e que responda a unha óptica de racionalización da intervención humana sobre a natureza que até o de agora seguiu a lóxica do espolio de recursos que son limitados. Un modelo de transporte público que responda tamén á nosa realidade socioeconómica actual e que pule pola substitución do transporte individualizado (en automóbil) a través do establecemento dunha rede universalmente accesíbel, deseñada segundo as necesidades de mobilidade de todas e todos nós e que debera, no horizonte da gratuidade, establecer un principio de proporcionalidade no custo. Un modelo de transporte que entenda e solvente os problemas de comunicación que se derivan da irregular distribución xeográfica das diversas poboacións do noso País.

O Capital non vai asumir este programa. Por iso a responsabilidade histórica é nosa, de irmos artellando as diferentes formas de contestación e resposta populares nunha frente común que lle faga verdadeiro dano ao monstro, cuestionando desde a raíz un sistema que serve aos intereses do parasitismo social. E tamén ao demagóxico discurso do neoliberalismo. O noso Partido está en cada disidencia popular e en cada confronto ao Capital, agora ben, só co compromiso sólido de todas e todos nós poderemos conmover esta sociedade da maneira que os tempos esixen: fundamentando desde o agora a necesidade e o edificio colectivo da sociedade socialista nunha República Galega independente.