Inicio » Nacional, Congresos Nacionais, VI Congreso Nacional » O 16 de outubro celebrarase o VI Congreso Nacional da FPG

O 16 de outubro celebrarase o VI Congreso Nacional da FPG

Xa está todo preparado para a celebración do VI Congreso Nacional da Frente Popular Galega. Baixo o lema Fronte á crise: alternativa comunista o vindeiro domingo reunirase en Redondela o plenario nacional onde as e os militantes da Frente discutirán as principais liñas de intervención que a organización decana da esquerda independentista galega levará adiante nos vindeiros anos.

Neste Congreso realizarase un repaso pormenorizado ao actual contexto internacional, facendo mención especial á crise do capitalismo, á caracterización do imperialismo e a globalización, á morte da Europa “social” ou á ruína do Estado español e achegaranse propostas de intervención para tamén desde Galiza e desde o noso Partido contribuir á loita decidida contra o capitalismo global.

Mais sen dúbida é o apartado sobre a nosa situación nacional o que centrará boa parte das análises e debates deste VI Congreso. A FPG ante os novos retos que impón a dura conxuntura actual e que podemos calificar de auténtica situación de emerxencia nacional, a realidade do espazo político no que nos movemos, a actualización da nosa análise sobre o sindicalismo nacional e de clase, o patriarcado na Galiza actual, o novo municipalismo desde a óptica da esquerda independentista que representamos, a loita contra as agresións do capital ao territorio ou a defensa do ben común, xunto coa actualización e adaptación á nova etapa dos Estatutos, son algúns dos moitos puntos que a militancia da Frente debaterá este domingo.

Estamos cert@s que este VI Congreso Nacional non só vai supor un punto de inflexión na evolución positiva da FPG mais tamén servirá como ferramenta necesaria para relanzarmos a loita de liberación nacional e social en Galiza camiño da República Galega e o socialismo.