Inicio » Comarcal, Redondela » [Redondela] Santo Estevo de Negros, parroquia esquecida

[Redondela] Santo Estevo de Negros, parroquia esquecida

Como moitos saberedes, por Galiza adiante están facendo o Eixo Atlántico de  Alta Velocidade, máis coñecido como AVE. Este vai chegar a Vigo a través dun túnel de arredor de 8 km. Precisamente a entrada deste túnel  é en Redondela, concretamente na parroquia de Santo Estevo de Negros.

Os principais problemas que a veciñanza está a sofrer por mor das obras son, ademais do ruído diario e nocturno, a presenza de camións, a seca dos mananciais, o aumento de fluxo de vehículos pesados, a contaminación lumínica, as dúas cementeiras, o almacenamento de produtos químicos sen cumprir a normativa, a fábrica de dovelas, a destrución do Camiño de Santiago e os graves prexuízos á saúde pública, como alerxias, insuficiencias respiratorias ou estrés.

O Ministerio de  Fomento, o Concello e a empresa  non cumpren co Estudo de Impacto Ambiental que a administración marca para este tipo de obras. Estudo que  realiza o Ministerio de Medio Ambiente e que é de obrigado cumprimento. Naturalmente, isto faise para que as obras afecten o menos posible á contorna, ademais de contaminar o mínimo… A Declaración de Impacto Medioambiental, publicada o 14 de xullo do 2006, establece claramente que a zona do río Maceiras ten que ser excluída como zona de verquidos, xa que constitúe unha “zona de especial vulnerabilidade á contaminación”, por constituír un dos “acuíferos detríticos porosos aluviales, deltaicos y costeros según el EIA” (Asociación Española de Avaliación de Impacto Medioambiental).

Almacenamentos de bidóns de produtos químicos sen o mínimo cumprimento da normativa.

Fábrica de dovelas (contaminación acústica e ambiental) instalada para aforrar os custes do transporte, obviando o prexuízo na saúde para a poboación.

As actuacións no Val do Maceiras distan moito da resolución de Impacto Medioambiental, xa que esta zona converteuse no principal vertedoiro de terras de todas as obras que se están a realizar no concello de Redondela. Como apuntaba o estudo, son numerosas as canles de auga e mananciais que xorden neste val e que desembocan no río. Nun paseo pola zona pódese un decatar que os regatos secaron e que o Río Maceiras transporta os residuos das obras. A Declaración de Impacto Medioambiental tamén obriga a colocar “barreras de retención de sedimentos, balsas de decantación, zanjas de infiltración u otros dispositivos análogos con objeto de evitar el arrastre de tierras a todos los cauces atravesados o próximos al trazado, en especial a los ríos Maceiras…”. Ao longo de todo o seu curso por San Estevo (arredor de 1.000 metros), o Maceiras carece de protección específica, salvo en 25 metros, onde foron colocados diversos empaques de palla a un metro do río.

Cintas transportadaras de residuos sólidos.

Cintas transportadoras que traballan día e noite.

Grazas ao compañeiro Esteban achegámonos un pouco máis ao problema que a veciñanza está a sofrer e que sabemos que loitan por mudalo dende fai anos cun traballo duro e pouco esperanzador dado os resultados. Dende a sección “parroquias esquecidas” queremos sociabilizar as eivas e compartir o traballo da xente que as sofre.

A continuación compartimos o enlace dun  vídeo que resume o atentado  medio ambiental cometido en Santo Estevo de Negros: