Inicio » Comarcal, Compostela » [Compostela] O peche do Mercado Nacional de Gando de Amio

[Compostela] O peche do Mercado Nacional de Gando de Amio

Outro ataque ao tecido produtivo galego.

Co anuncio de peche do Mercado de Amio, a Corporación Municipal de Santiago de Compostela deixa ben claro que lle molesta profundamente a presenza na cidade dunha actividade tan propia coma a gandería. O fundamento de tal peche aséntano en razóns económicas e de incompatibilidade de usos. Para demostrar a falsidade de tales afirmacións abonda referir algúns datos:

Trátase do mercado gandeiro con maior volume de negocio: uns 50 millóns de euros xerados no ano 2010, sendo o mercado con maior movemento económico de todo o Estado. Por outra banda a concesión de explotación das instalacións supón ao Concello de Santiago de Compostela un ingreso anual de 100 mil euros.

O argumento aducido polo Alcalde, segundo o que o mercado xera perdas, non se sostén de ningunha maneira á vista dos datos anteriores.

A respecto da presunta incompatibilidade de usos convén lembrar as numerosas actividades non agrarias alí realizadas. A pista de xeo, a feira de produtos outlet, o forum gastronómico entre outras, demostran a enorme versatilidade das instalacións de Amio.

Xa non é a primeira tentativa de desligar a actividade agraria da cidade de Compostela, demostrándose unha vez máis que hai determinadas persoas ocupando postos de responsabilidade ás que lles molesta a actividade gandeira en particular e o medio rural en xeral, desprezando unha parte da economía tan importante como é a da produción de alimentos.

Desde a Frente Popular Galega compostelá denunciamos a actitude de noxo cara o medio rural que estas decisións demostran; o histórico desprezo lonxe de desaparecer, semella fomentarse co paso do tempo. Polo tanto esiximos o mantemento do mercado de gando no seu actual emprazamento e tamén o fomento de actividades relacionadas co rural que van enriquecer a vida da cidade de Santiago de Compostela.