O vindeiro 6 de decembro, a iniciativa social Causa Galiza volverá levar ás rúas do noso país a necesidade de trascender o actual marco xurídico-político como vía para construír un futuro digno para o noso pobo.
Nesta ocasión, é Ferrol a vila escollida para a mobilización anual contra a Constitución española. A manifestación partirá da Praza do Himno Galego ás 12:00 h. para rematar cun acto político no Cantón. Neste encontro de peche darase lectura a un manifesto que, partindo do vindeiro cuadraxésimo aniversario das loitas obreiras do 1972, chamará a respostar en chave galega á ofensiva neoliberal contra os bens e dereitos básicos de toda a cidadanía, así como á españolista recentralizadora que nega os nosos escasos instrumentos de autogoberno.
Desde a FPG animamos a participar nesta xornada reivindicativa e a continuar compartindo a nosa visión da restrición de soberanía e ausencia nos centros de decisión como orixe de moitas das problemáticas das clases traballadoras galegas.