Inicio » Internacional, Euskal Herria » A FPG participou na mobilización histórica da esquerda abertzale

A FPG participou na mobilización histórica da esquerda abertzale

Este pasado 7 de Xaneiro unha delegación da Frente Popular Galega estivo presente como convidada na histórica mobilización convocada por Egin Dezagun Bidea en Bilbo baixo a lenda Kolosala Izango Da.

Máis de 110.000 manifestantes, nun xesto de solidariedade sen precedentes -segundo nos comentaron os e as compañeiras da esquerda abertzale-, reclamaron que se respecten os dereitos fundamentais das persoas presas e exilidas a causa do conflito político vasco, así como a mellora da súa situación e o seu achegamento a Euskal Herria con plenos dereitos.

A FPG apoia firmemente esta reivindicación histórica que non é máis que o recoñecemento dos dereitos humanos e a súa aplicación. Doutra volta, o valeroso pobo traballador vasco vén de demostrar o seu compromiso con esta esixencia e unha fortaleza exemplar no proceso de autodeterminación e consecución dun estado propio.

Desde o noso partido saudamos todos os pasos que se están a dar no novo escenario político vasco, que pretenden conseguir unha paz e democracia reais, e esiximos o compromiso por parte dos estados español e francés de camiñar tamén eles cara a unha solución xusta deste conflito.

Por último, destacar e agradecer, coma sempre, o marabilloso trato e a excelente acollida que tivo a FPG durante toda a fin de semana.

Viva Euskal Herria ceibe e socialista!

Euskal Presoak Etxera!

Máis información: kolosalaizangoda.info/Manifestua-gl.pdf http://gara.net/bideoak/120109_kolosala_lab/index.php http://paperekoa.berria.info/harian/2012-01-08/006/001/euskal_herritarren_aldarria_entzuteko_eskatu_diote_raxoiri.htm (entrevista en euskera)