Prodúcese, máis unha vez, a clausura do ARQUIVO PACHECO, doutra volta dependendo dun cambio de goberno municipal. Dita actitude priva ao pobo de Vigo da utilización do inmenso arquivo, ficando, desta maneira, conxelados proxectos que van desde o simple lecer á investigación académica. Outra vez, a cultura é privada ou non é.
Quedan pois para o recordo, exemplos do bo traballo realizado por este equipo humano como son a publicación de tres axendas fotográficas, dous libros de grande calidade sobre a figura de Pacheco, a inauguración de tres exposicións monográficas, a organización do certame do Premio Pacheco de Fotografía, a ordenación, limpeza e clasificación de perto de 60.000 fotografías e a súa posterior catalogación e documentación, investigación sobre os arrabaldes e parroquias viguesas feitas por Asociacións de Veciños e Culturais; de asistencia a institucións públicas, que constitúen un total de 100 proxectos, así como visitas a particulares para recoller fotografía viguesa do século XIX e a articulación dunha rede estábel de informantes que enriquecían, o coñecemento sobre o pasado da nosa cidade.
A feitos prácticos, despedimento dun grande número de traballadores e traballadoras altamente cualificados. A feitos culturais, unha neglixencia.
Desde a Asemblea de Vigo da Frente Popular Galega somos moi conscientes de que coa excusa da crise se está a dinamitar a pouca implicación cultural que as administracións públicas locais conceden ao pobo. Apuntamos á Concellería de Cultura como máximo organismo responsábel desta decisión e esiximos que se volva a poñer en funcionamento de inmediato o arquivo fotográfico máis importante do noso país, o Arquivo Pacheco.
Poñemos a disposición das persoas que queiran descargar a tabela de recollida de sinaturas esta ligazón: Documento á cidadanía.