Este ano, con motivo do Día Internacional das Mulleres, celebrarase unha manifestación nacional o día 11 de marzo en Compostela baixo o lema “Mulleres galegas en loita polos nosos dereitos”. Sairá ás 12:00h. dende a estación do tren e rematará cun concerto na Praza da Quintana. Esta mobilización, que se presentou en rolda de prensa o pasado martes 14 de febreiro, está organizada a nivel nacional e comarcal por diferentes colectivos feministas e sindicatos (ANDAINA, CIG, CUT, FARAXA, FEMINISMOS COMPOSTELA, MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES, NÓS MESMAS, REDE FEMINISTA GALEGA, SLG e STEG).
Na presentación da campaña déronse as claves polas cales as mulleres, máis que nunca, debemos saír á rúa: a precariedade laboral, que nos afecta máis ás mulleres por sermos un sector entendido como complementario e que, por tanto, pode ser máis facilmente explotado; a falsa responsabilidade ante a crise capitalista e a desaparición do seu Estado de Benestar; o recorte de dereitos sociais, a desaparición dos centros de orientación afectivo-sexual e dos centros de acollemento para mulleres maltratadas, os constantes ataques conta a soberanía sobre os nosos corpos e vidas, a reforma da Lei do aborto; a invisibilización de moitas mulleres, traballadoras de sectores mergullados e silenciados e que non ven recoñecidas as súas achegas á sociedade; as múltiples e variadas formas de violencia ás que nos vemos expostas, o canon de beleza irreal, o terrorismo patriarcal e as súas vítimas -asasinadas, violadas, queimadas, apuñaladas, golpeadas, insultadas, menosprezadas-, as agresións contra os nosos corpos e mentes, contra o que somos polo simple feito de sérmolo, a imposibilidade de vivirmos a nosa sexualidade libremente, de gozar con e por nós mesmas, a imposición da heteronorma e a marxinación de todo o que a ela escapa. As mulleres non contamos para os gobernos, non somos nada para os partidos servos do capital.
Dende a FPG celebramos esta iniciativa e participaremos activamente desta mobilización. Chegou a hora de empoderarnos nós, mulleres, para defendernos e loitar polo que é noso. Porque a realidade non deixa espazos para outra loita que non sexa a da mobilización e a rebelión. Porque non debemos de ter medo a reivindicar os espazos que nos roubaron: a rúa é nosa e o 11 de marzo debemos de estar todas nela.