Inicio » Opinión » Localismo é españolismo

Localismo é españolismo

Coincidindo co encontro de fútbol entre as equipas do Celta e o Dépor, desde a FPG cremos oportuno publicar este breve texto sobre o localismo en Galiza e a súa orientación político – ideolóxica.

A ausencia dunha perspectiva de Galiza como nación favoreceu durante o período democrático unha duplicación de entes públicos, Universidades, Aeroportos ou Portos Exteriores, que non atendía a unha análise das necesidades globais do País, senón aos intereses particulares de políticos e grupos de poder que pretendían afianzar deste xeito a súa posición local. Este verdadeiro taifalismo, que entronca coa peor tradición caciquil do período da Restauración de fins do dezanove, ademais de sintomático da carencia dunha visión de Galiza como unidade política e social que sinalamos antes,  representa, conscientemente ou non, un rol principal na actualización da vella estratexia centralista do estado español consistente no fomento de absurdas rivalidades internas. O chamado vazquismo é o mellor exemplo desta tradición antigalega  que conta hoxe con afervoados continuadores como Abel Caballero, pois a inimizade Vigo/Coruña foi a máis premeditadamente cultivada, e cuxo sinal de identidade máis significativo é o emprego case exclusivo de español e unha máis ou menos aberta hostilidade cara ao galego. A nivel ideolóxico, esta combinación aparentemente contraditoria de cosmopolitismo teórico e localismo práctico, non deixa de ser un sinal máis daquel autoodio que pretende negar calquera conciencia de Galiza como nación, quer mediante unha fuxida cara a fóra (españolismo disfrazado de cosmopolitismo), quer mediante a reclusión na espazo social inmediato (coruñesismo, viguesismo, etc.).

A FPG é plenamente consciente de que este localismo supón, en realidade, un verdadeiro cabalo de troia do españolismo co fin de empecer o proceso de construción nacional de Galiza,  e que só pode ser extirpado mediante o aumento da nosa capacidade de autogoberno, pois unicamente un poder executivo e lexislativo galego forte podería xestionar a administración do noso País coma un todo, favorecendo o aproveitamento de recursos comúns, impedindo a duplicación de estruturas idénticas e inviables a medio prazo, e paliando a crecente asimetría no desenvolvemento do noso territorio.