Inicio » Nacional, Movementos sociais » Clasismo e racismo empodéranse na Sanidade pública

Clasismo e racismo empodéranse na Sanidade pública

O martes 24 de abril saíu publicado no BOE o “Real Decreto Lei de medidas urxentes para garantir a sostibilidade do sistema nacional de Saúde”. A gravidade destas medidas aprobadas é extrema e, á marxe do chamado repagamento, atenta contra a universalidade na atención.

A partir de agora, os usuarios e usuarias da Sanidade pública teremos que pagar se necesitamos ortopróteses ambulatorias, como cadeiras de rodas ou muletas, ademais do transporte sanitario non urxente (p.ex. para os pacientes oncolóxicos) e das prestacións dietéticas. Estes servizos entrarán dentro do novo modelo de repagamento farmacéutico, que obriga aos e ás pensionistas a pagar polos fármacos e, en xeral, penaliza a todas as persoas cando teñamos que seguir un tratamento médico, especialmente ás enfermas crónicas e con menos recursos. O decreto prevé tamén a revisión da carteira de servizos, posibilitando a eliminación dalgunhas prestacións e tratamentos.

Coa escusa demagóxica de pór freo ao denominado turismo sanitario, introduce a esixencia da residencia fiscal para poder obter a tarxeta sanitaria (non abondará con estar inscrito no padrón como até o de agora), deixando fóra ás persoas que se atopan en situación irregular. Esta medida, que atinxe a case 10.000 persoas en Galicia, concretarase nunha modificación aínda máis regresiva da Lei de Estranxeiría e dará un paso máis no proceso de estigmatización da poboación migrante como culpable da degradación das condicións de vida das clases traballadoras, ademais de introducir novas bolsas de pobreza e enfermidade.

Na mesma mañá en que se fixo público este decreto en Sanidade, o ministro de Educación, José Ignacio Wert, anunciaba a penalización ao estudantado estranxeiro non comunitario no pagamento da súa matrícula (terán que facerse cargo do 100%). E, menos dun mes antes, na proposta de orzamentos, deixábase a cero o “Fondo de Axuda para a Integración das Persoas Migrantes”.

Seguimos camiñando cara un novo modelo de sociedade clasista e racista, dominada polo fascismo financeiro. Na FPG chamamos a construír colectivamente as ferramentas integradoras das loitas, que nos permitan reverter de maneira efectiva esta situación.