Inicio » Nacional, Movemento obreiro, Movementos sociais » O deserto da soberanía: rescates bancarios e miseria social

O deserto da soberanía: rescates bancarios e miseria social

A situación de emerxencia nacional que vive a nación galega, polo seu enteiro, atravesada profundamente pola crise sistémica que o conxunto da economía planetaria está a vivir como unha conmoción, mesmo alí onde se entretecía un sistema de “benestar” izado sobre as e os desposuídos da Terra, está a se agravar diante das últimas decisións políticas que o Goberno central está a adoptar en Madrid, como unha saída salvaxe (isto non se publicita, evidentemente), á propia crise.

Xa non se trata da ineficiencia dos discursos que comprometían a posibilidade dun marco de autoorganización do noso País, inserido no suposto abano infindo de posibilidades políticas para as nacións sen estado do que nos dotaba o Capitalismo. Tampouco das repichocas retóricas das forzas que tentaban xogar as pezas do autogoberno no taboleiro de xogo das institucións formais españolas. Trátase xa que logo, de que o fracaso das diversas apostas políticas e estratexias de consolidación dun “certo autogoberno”, deixaron deitado nas cunetas da historia o corpo enteiro dun pobo que non ten agora mesmo nin a madurez xuridica-institucional, nin a capacidade política de resposta en chave nacional, para afrontar con resultados o proceso de re-concentración do Capitalismo a nivel mundial, nin polo tanto, a posibilidade de lle opoñer unha resistencia firme ao proceso de engolemento da soberanía dos estados que a Troika está a patrocinar.

O rescate da Banca española demostra que o factor chave do colapso da economía é a xestión irresponsábel dunha riqueza, acumulada en poucas mans hoxe, que estaba a ser apostada nos casinos da economía mundial. Mais tamén mostra ás claras como en rigor, a dereita-ultradereita española que contorna o PP, e o PSOE na súa retórica social-liberal, teñen ben menos problema de lle entregar a importante atribución soberana de organizar os recursos económicos dun Estado á Troika ben antes de negociar unha redistribución funcional de competencias de calado cos diversos pobos que fican atribulados, e hoxe sacrificados, nas decisións que o goberno central adopta.

A crise do Capital, a perpetuación da miseria na sociedade con a cada pouco maiores camadas da poboación por baixo do teito da pobreza, e o deserto da soberanía das nación sen estado, teñen unha relación estreita. O rescate bancario provoca hoxe máis aínda un veto concreto ao pobo galego para xestionar os seus propios recursos, xa que detrás desta intervención e ao péo dela, se ha encetar un programa de reformas estruturais que apreten máis aínda as marxes da economía produtiva, dos servizos públicos e dos dereitos sociais, co obxecto de sanear o imposíbel: o burato negro da débeda privada.

Eis que precisamos articular unha resposta social madura e consciente. A única vía posíbel para que a voz específica do pobo traballador galego sexa quen de condicionar a xestión económica do momento actual, é mediante a formulación de iniciativas sociais, políticas e sindicais preparadas para madurar un proceso de independencia nacional, acelerando e alimentando as contradicións que se diversifican no pobo. Non abondan xa retóricas de autonomía-autogoberno, socialdemocratismos tépedos, ou programas políticos que evadan a centralidade da clase traballadora nos procesos de transformación social.

Galiza vive hoxe unha crise de soberanía de tal alcance, que teremos que nos xogar o noso futuro como clase e a nosa supervivencia como o pobo na rúa. Coa mobilización permanente e a activación da única saída á crise: o desmantelameno do capitalismo e do colonialismo como realidades antidemocráticas, antipopulares e sobre todo, insostíbeis para nós.

Etiquetas: , , ,