Os fogos de artificio a estourar no alto do ceo con múltiples formas e cores sempre hipnotizaron á maioría, sobre todo á infancia. Os antigos exploradores que voltaban de Oriente coas novidades da pólvora e do diñeiro en papel, sabían do poder de ambos para a destrución e para a fascinación.
No deporte, na política e na economía, eidos de fronteira difusa, a fascinación polos fogos de artificio actúa de xeito paralelo. Chama máis a atención unha equipa que nunha tempada se erixa en revelación da liga conquerindo postos europeos, anque máis tarde esmoreza, descenda e desapareza, que unha equipa que sempre está aí, facendo ben o seu traballo tempada após tempada sen decepcionar nunca aos seus siareiros, erguéndose sempre tras as máis duras derrotas.
No eido político, un dos casos que máis tinta fixo correr e que máis saliva fixo gastar nos últimos meses, foi o do suposto “éxito” electoral da coalición reformista grega Syriza –edificada sobre os restos da neotrotskista Synaspismós- e a hipnotización que causou en certos sectores.
E é que a algúns dos pretendidos militantes ou simpatizantes da autoproclamada esquerda revolucionaria que máis se escandalizan ante a alienación autómata dos siareiros da selección española de futbol masculino, só lles faltou cantar o de “Eu son de Syriza, de Syriza, de Syriza…, eu son de Syriza, de Syriza, de Syriza…” ao compás do Kalinka.
Até aí todo ben. Cada cal que se ilusione co que queira. Os fogos de artificio, La Roja, Syriza. Non é casual que a verba “ilusión” teña relación morfolóxica coas verbas “iluso” e “ilusorio”.
Pero polo que non se pode pasar, desde posicións de esquerda, revolucionarias e marxistas é pola mofa, escarnio, insulto e desprezo soberbio cara un destacamento coa coerencia, historia, dignidade e capacidade mobilizadora do Partido Comunista Grego. Do KKE.
Non se pode consentir tal agravio porque, ante posturas meramente electoralistas que louvan a xigantes con pés barro -que se traducen en flores dun día- e que non orixinan transfomacións ideolóxicas malia o agravamento das desigualdades de clase, é mais que xusta e lexitima a firme postura do comunismo grego de ter como prioridade a alianza social de base cos traballadores e traballadoras. A rúa, a folga, a loita de masas.
Nun mundo no que as palabras teñen o poder de distorcer a realidade e o monopolio dos mass-media está nas mans da oligarquía burguesa, é un grande avance para a clase obreira e para as clases traballadoras de todo o mundo que o KKE teña gañado unha grande lexitimidade coa súa salientábel e clara presenza na dirección das dúas decenas de folgas xerais gregas dos últimos dous anos.
Pero aínda así, é un lugar común no esquerdismo -ou infantilismo de esquerda- calificar a partidos como o KKE -ferramentas indispensábeis e imprescindíveis para a defensa do proletariado- de “rancios”, “sectarios” ou “desfasados” e a partidos como Syriza –auténticos monicreques da pequena burguesía progre e desclasada- de “modernos”, “unitarios”, ou “plurais”. Daí que o camarada Lenine adicara unha obra maxistral a semellante xentiña.
Exíxeselle con arrogancia ao KKE que deixe de estar onde sempre estivo e que se alíe con quen non ten unha postura consecuente xusto cando a UE se consagra mais que nunca como protagonista e xendarme ao servizo dos bancos e das grandes potencias. Exíxeselle a un KKE que, tras o colapso da URSS, conseguiu facer análise a fondo e autocrítica marxista para saír das areas movedizas do eurocomunismo onde caíron os PC´s da Europa occidental hoxe desaparecidos, ou case. Pouca vergoña.
Tal como nos narrou o xornalista camarada Bruno Carvalho nas recentes Xornadas Comunistas organizadas en Vigo polo noso Partido e por ADIANTE, un caso similar aconteceu cando, nas lexislativas portuguesas de 2009, o Bloco de Esquerda superou en escanos ao Partido Comunista Portugués (PCP). Daquela, tal como acontece agora co KKE, as ratas burguesas e os seus cans da esquerda revisionista brindaron para celebrar a “morte definitiva” do PCP. Depois xa sabemos o que aconteceu co Bloco de Esquerda nas lexislativas portuguesas de 2011 tras un bienio de pactos coa dereita contra o PCP e de traizóns sindicais contra o pobo traballador portugués.
Non é casual o paralelismo do Bloco de Esquerda coa Syriza (ou co NPA francés ou a Sinistra Crítica italiana) . Todos eles son movementos “rebeldes” mimados pola prensa do poder, enxendros da fascinación utópica co “capitalismo de rostro humano”, negadores da loita de clases coma motor da historia, contraditorios e permisivos ante a Unión Europea dos mercados, bastións antiobreiros e anticomunistas nacidos da suma de grupúsculos posibilistas da extrema-esquerda marxinal (trotskistas, revisionistas e ex-maoístas), de oportunistas de dereita, e de ex-membros da social-democracia á que despois serven como marca branca “guai” e/ou como lavado de cara.
Iso si. A diferenza do que aconeteceu co Bloco de Esquerda e o PS en Portugal, no caso grego pódese dar tranquilamente unha evolución “á italiana” do Syriza, e é posíbel que remate en non moito tempo por ser a refundación do desacreditado, desprestixiado e deslexitimado partido socioliberal PASOK, substituíndoo de facto. Xa hai movementos públicos cara esa dirección, tal como se fixo –sen disimulo algún- na última campaña electoral grega.
Afortunadamente, o pobo traballador grego ten ao KKE, á mocidade do KNE e, sobretodo, á Frente Militante de Todos os Traballadores (PAME) para facer fronte ás agresións da oligarquía burguesa e dos seus esbirros. Non hai outra. Ou comunismo ou barbarie, camaradas.