Inicio » Comarcal, Pontevedra » Pontevedra libre de touradas

Pontevedra libre de touradas

Un ano máis a cidade de Pontevedra volve ser escenario na nosa comarca para a celebración desa españolada do horror e o sangue que son as touradas. Un ano máis, pois, Pontevedra volverá ser escenario de mobilizacións a prol da vida e da liberdade exixindo o cesamento inmediato destas actividades que aliás son totalmente alleas non só á cultura e tradicións da nosa comarca, mais tamén ás de toda a nación galega.

Denunciamos á Deputación provincial como auténtico foco de financiamento con cartos públicos destas actividades amosando, unha vez máis, o seu carácter reaccionario afastada dos auténticos intereses populares, polo que desde a FPG de Pontevedra volvemos exixir a completa desaparición desta institución antidemocrática e antigalega, auténtico niño de caciques, como ben sabe o seu presidente Rafael Louzán. Asemade non entendemos a actitude pusilánime dun Concello que debería, nun acto de dignidade, declarar de xeito inmediato Pontevedra como cidade abolicionista das touradas seguindo o ronsel que no seu día iniciou a vila de Cangas do Morrazo.

É por isto que desde a FPG de Pontevedra animamos a todas as pontevedresas e pontevedreses a expresaren publicamente o seu rexeitamento deste tipo de actos e a exixiren que non vaia un só euro de diñeiro público a financialos de xeito directo ou indirecto ao tempo que apoiamos as actividades convocadas desde a coordinadora antitouradas de Pontevedra.

Entre todas e todos seguro que conseguimos para o vindeiro ano ollar unha Pontevedra libre de touradas, unha Pontevedra de todas e todos máis fermosa, a boa vila que sempre foi.

Contra a tortura e o maltrato animal e por unhas festas populares e galegas,

Pontevedra libre de touradas!