Un ano máis @s comunistas e patriotas galeg@s homenaxeamos a Xosé Ramón Reboiras Noia no día que caeu abatido por disparos da policía española naquel aciago 12 de agosto de hai trinta e sete anos.
Neste 2012 asistimos un día si e outro tamén á maior ofensiva contra a clase obreira e contra o conxunto das clases populares en moitas décadas. Teriamos seguramente que retrotraernos á década dos 30 do pasado século coa ascensión dos fascismos para encontrarmos un contexto comparábel.
Un ciclo político, económico e social derrúbase ante nós dinamitado polo gran capital financeiro. Todo o edificio europeo-occidental construido sobre a derrota do nazi-fascismo e o medo ao avance obreiro e popular, denominado “do benestar”, que no Estado español retrasaría a súa cativa implantación polo apoio que o réxime fascista recibiu dos USA e das democracias burguesas da contorna, vense inexorabelmente abaixo dinamitado desde os seus alicerces polo gran capital financeiro.
A secuencia é clara: abocan á ruína a miles e miles de traballadores e traballadoras, negan calquera atisbo de un futuro digno ás novas xeracións, criminalizan todo tipo de resposta popular, reforzan o control ideolóxico sobre as maiorías, privatizan o que queda de ben común, exarceban o irracionalismo, fomentan a xenofobia e o individualismo, alentan o machismo, modifican a súa propia legalidade á vontade para se perpetuaren no poder, destrúen o universo simbólico e as bases materiais das nacións colonizadas… en definitiva quérennos divididos e enfrontados entre nós. A saída lóxica sabémola tod@s: o fascismo do século XXI ao servizo do gran capital.
O propio inimigo estanos indicando en consecuencia cal é o nó gordiano que debemos desentrabar se queremos ter algunha posibilidade de desfacernos da soga que teñen posta sobre o noso pescozo. Haberá estes días quen louve a figura de Reboiras, algúns, desde prácticas antitéticas do realizado e ideado polo propio Reboiras, tomarán prestado esta ou aquela fasquía da súa práctica comunista e independentista para resaltándoa escurecer o legado global do camarada caído. Desde a FPG temos ben clara unha cousa: o legado principal que nos deixou Reboiras foi a súa constante aposta teórica e práctica pola unidade nacional-popular galega contra o inimigo principal, a oligarquía española e o Estado que lle dá sostén.
A FPG mediante este manifesto reafírmase na súa liña política de unidade popular, hoxe máis que nunca precisamos dunha unidade alicerzada sobre obxectivos revolucionariamente realistas, que permitan ao pobo traballador galego deter e derrotar á reacción arestora imparábel, e, máis alá, avanzar cara a nosa independencia nacional e o socialismo.
Como deixou escrito Lenin “un dos máis graves e perigosos erros dos comunistas é o de imaxinarse que a revolución pode levarse a cabo polos revolucionarios sos. (…) Sen a unión cos non comunistas, nos máis diversos eidos da actividade, non pode nin sequera falarse de ningunha construción comunista eficaz”.
Moncho Reboiras a loita continúa!
Desde a FPG facemos un chamamento a participar na homenaxe popular de Adiante que terá lugar este martes 14 de agosto na praza do Toural en Teis, Vigo ás 20:30h.