Inicio » Formación, Mao Zedong » Contra o liberalismo

Contra o liberalismo

Estamos pola loita ideolóxica activa, pois esta é a arma con que se acada a unidade interna do Partido e demais colectividades revolucionarias en beneficio do combate. Todos os comunistas e revolucionarios deben empuñar esta arma.

Mais o liberalismo rexeita a loita ideolóxica e propugna unha paz sen principios, dando orixe a un estilo decadente e vulgar, que conduce á dexeneración política a algunhas organizacións e membros do Partido e demais colectividades revolucionarias.

O liberalismo maniféstase en diferentes formas:

Sabendo que unha persoa está enganada, non soster unha discusión de principio con ela e deixar pasar as cousas para preservar a paz e a amizade, porque se trata dun coñecido, paisano, condiscípulo, amigo íntimo, ser querido, vello colega ou vello subordinado. Ou ben, procurando manterse en bos termos con esa persoa, pasar por riba do asunto en lugar de ir até o fondo. Así, tanto a colectividade como o individuo resultan prexudicados. Eis o primeiro tipo de liberalismo.

Facer críticas irresponsábeis en privado no canto de formular activamente suxestións á organización. Non dicir nada aos demais na súa presenza, senón andar con intrigas ás súas costas; ou calar nas reunións, mais murmurar despois. Non considerar para nada os principios da vida colectiva, deixándose levar polas inclinacións persoais. Eis o segundo tipo.

Deixar pasar canto non afectar a un persoalmente; dicir o menos posíbel mesmo tendo perfecta conciencia de que algo é incorrecto; ser hábil en manterse a coberto e preocuparse apenas en evitar reproches. Eis o terceiro tipo.

Desobedecer as ordes e colocar as opinións persoais en primeiro lugar; esixir consideracións especiais da organización, mais rexeitar a súa disciplina. Eis o cuarto tipo.

Entregarse a ataques persoais, armar leas, desafogar rancores persoais ou procurar vinganza, no canto de debater os puntos de vista errados e loitar contra eles en ben da unidade, o progreso e o bo cumprimento do traballo. Eis o quinto tipo.

Escoitar opinións incorrectas e non refutalas, e até escoitar expresións contrarrevolucionarias e non informar sobre elas, tomándoas tranquilamente coma se nada pasase. Eis o sexto tipo.

Ao acharse entre as masas, non facer propaganda nin axitación, non falar nas súas reunións, non investigar nin facer preguntas, senón ficar indiferente ante elas, sen amosar a menor preocupación polo seu benestar, esquecendo que se é comunista e comportándose como unha persoa calquera. Eis o sétimo tipo.

Non indignarse ao ver que alguén prexudica os intereses das masas, nin disuadilo, nin impedir a súa acción, nin razoar con el, senón deixarlle facer. Eis o oitavo tipo.

Traballar con desleixo, sen plan nin orientación definidos; cumprir apenas coas formalidades e pasar os días a vexetar: “mentres for monxe, tocarei a campá”. Eis o noveno tipo.

Considerar que se rendeu grandes servizos á revolución e andar con aires de veterano; desdeñar as tarefas pequenas mais non estar á altura das grandes; ser neglixente no traballo e frouxo no estudo. Eis o décimo tipo.

Ter conciencia dos propios erros mais non intentar corrixilos, tomando unha actitude liberal para consigo mesmo. Eis o undécimo tipo.

Poderían citarse outros tipos máis, mais os once descritos son os principais.

Todas estas son manifestacións de liberalismo.

Nunha colectividade revolucionaria, o liberalismo é extremadamente prexudicial. É unha especie de corrosivo, que desfai a unidade, enfraquece a cohesión, causa apatía e crea disensións. Priva ás fileiras revolucionarias da súa organización compacta e da súa estrita disciplina, impide a aplicación cabal da súa política e afasta ás organizacións do Partido das masas que este dirixe. Trátase dunha tendencia altamente perniciosa.

O liberalismo provén do egoísmo da pequena burguesía; este coloca os intereses persoais en primeiro plano e relega os intereses da revolución ao segundo, enxendrando así o liberalismo nos terreos ideolóxico, político e organizativo.

Os adictos ao liberalismo consideran os principios do marxismo como dogmas abstractos. Aproban o marxismo, mais non están dispostos a practicalo ou a practicalo cabalmente; non están dispostos a substituír o seu liberalismo polo marxismo. Teñen o seu marxismo e tamén o seu liberalismo; falan do marxismo pero practican o liberalismo; o marxismo é para os demais e o liberalismo para eles mesmos. Levan ambos na súa bagaxe e atopan aplicación para un e outro. Así é como funciona o cerebro de certa xente.

O liberalismo constitúe unha manifestación de oportunismo e é radicalmente oposto ao marxismo. É negativo e, obxectivamente, fai o xogo ao inimigo. Por iso é polo que este se alegra se nas nosas fileiras persiste o liberalismo. Por ser tal a súa natureza, non debe haber lugar para o liberalismo nas fileiras revolucionarias.

Debemos empregar o espírito marxista, que é positivo, para superar o liberalismo, que é negativo. O comunista debe ser sincero e franco, leal e activo, poñer os intereses da revolución por riba da súa propia vida e subordinar os seus intereses persoais aos da revolución; en todo momento e lugar debe adherirse aos principios xustos e loitar infatigabelmente contra todas as ideas e accións incorrectas, a fin de consolidar a vida colectiva do Partido e a ligazón deste coas masas, debe preocuparse máis polo Partido e as masas do que por ningún individuo, e máis polos demais do que por si mesmo. Só unha persoa así é digna de chamarse comunista.

Todos os comunistas leais, francos, activos e honrados deben unirse para combateren as tendencias liberais, que certa xente ten, e encarreirar esta polo camiño correcto. Velaquí unha das nosas tarefas na frente ideolóxica.