Finalmente, e como xa era previsíbel, o Goberno de España, através desa especie de barman dos de antes apelidado Núñez Feijóo, decidíu que as eleccións á Comunidade Autónoma Galega sexan o 21 de outubro, adiantándoas practicamente medio ano.
Descontando evidentemente os resultados en tres das provincias de Euskal Herria que celebran ese día eleccións e onde o partido se xoga a un nivel diferente, se cadra nunca antes foron tan importantes unhas eleccións no noso país como estas. Non é que o medo do PP a perder esta praza (pois para eles Galiza non é outra cousa) sexa infinito, que o é, senón que perder ou manter Galiza é mesmamente estratéxico para os intereses do gran capital neste intre concreto. Fronte os machadazos que están por chegar deseñados nese auténtico eixo do mal Berlín-Bruxelas-Madrid (viva o mal, viva o capital! lembrades?), que chega a Compostela através do Mini-Me que é a Xunta, necesitan manter institucións obedientes e submisas, simples correas de transmisión para aplicar as brutais medidas antiobreiras e antipopulares, no noso caso tamén antinacionais. Perder as poltronas de San Caetano podería traer consecuencias demoledoras para a estratexia do gran capital, pois obrigaría a que os seus lacaios da Moncloa se replantexen como e que medidas aplicar, desde logo xa non tan alegremente como até ese momento, e mesmo, dependendo como se desenvolvan os acontecementos, e da capacidade que teñamos de incidir neles, podería obrigar á convocatoria de eleccións anticipadas para as Cortes, ou cortellos, dese simulacro de Estado que nos fai agonizar.
Debemos aproveitar calquera fenda por pequena que for para meter cuña e agrandala, o sistema mesmo está en cuestión e non podemos prever cal será a faísca que prenda o lume da toxeira. Aquí non se trata abofé de posicións maniqueas, que, por outra banda, adoitan ser antidialécticas: trátase de aproveitar todas as frentes de loita cara o mesmo obxectivo, apuntando todas as flechas cara o centro da diana. O debate en consecuencia non pode ser nominalista senón de contidos, non pode fomentar a “doenza das dúbidas” que diría Lois Soto senón as sinerxías entre as esquerdas galegas consecuentes: vaiamos pois unidas sen medo ao combate, en alianza ampla, largacía, tamén na frente institucional, cun programa sinxelo e clariño de loita e mobilización, un programa de esquerda anticapitalista para a liberación nacional e social, que faga de apoio, e tamén de altofalante necesario, para o proceso de acumulación de forzas cara a ruptura democrática. Aí collemos todas as tradicións que en Galiza existen da esquerda consecuente agás as posicións oportunistas, dubitativas e/ou mornas. O quintanismo ou neoquintanismo, por pór un exemplo, terá de buscar outro hóspede, nós non somos eses que se travisten de comunistas, mesmo por veces de independentistas, que o alimentaron e engordaron a base de penso transxénico; nós non temos vocación de ser unha fotocopia barata do BNG ou o que algúns denominan un BNG-bis.
Cómpre revoltar, mesmo rebentar, o sistema galego de partidos, auténtico sostén tripartito do aparello institucional froito da II Restauración borbónica, cun PPSOE imenso e un BNG inservíbel anquilosado en moquetas xa roídas hai tempo polas ratas de San Caetano. Os traballadores e traballadoras galegas, a imensa maioría deste país, a xente do común ou povo miúdo, como se denominaba nas crónicas medievais, temos que entrar como un trebón con forza e voz propia no Parlamento do Hórreo, ese parlamento de cartón que antes foi cuartel, e facer del unha gran barricada contra os mandatos xenocidas que veñen en alta velocidade desde o eixo do mal. Eis a nosa responsabilidade revolucionaria, eis a nosa tarefa inmediata, calquera outra cuestión a maiores e no intre actual non será máis que un exercicio de efémeros fogos de artificio. E despois, nun segundo momento, ou en paralelo nunha segunda velocidade, sigamos construíndo e perfecionando a organización política anovadora que a Galiza traballadora do século XXI precisa e demanda.
Carlos Ouviña, en Malpica de Bergantiños, 28 de agosto de 2012
A FPG non ten por que compartir necesariamente os contidos dos artigos de Opinión e de Outras voces, aínda que por unha razón ou outra os consideremos de interese.