Na data do 25 de novembro as mulleres organizadas decidimos conmemorar o Día Internacional Contra a Violencia cara as Mulleres, en memoria das Irmáns Mirabal, nas que proxectamos tamén a memoria de moitas compañeiras que diariamente, a cada minuto, a cada segundo, padecen a violencia do patriarcado.
Mais que teñamos marcado no calendario unha data “conmemorativa” non significa que a nosa loita contra as agresións cara as mulleres non sexa diaria. Cada día somos máis as mulleres que fartas de ser vítimas dun sistema inxusto coa metade da poboación, decidimos organizarnos baixo múltiples colectivos, en organizacións feministas, traballando en rede e artellando respostas dende a colectividade feminista para que ningunha agresión quede sen resposta.
Estamos a ser as protagonistas da exclusión, a pobreza, a violencia e a marxinación aos que nos somete o sistema patriarcal imperante. Somos as máis desfavorecidas e expostas aos ataques que, baixo a escusa da crise, están a aplicar os gobernos de Feijoo e Rajoy, facendo cargar sobre as costas das mulleres traballadoras o peso, a culpa e as consecuencias das políticas de austeridade.
As inxustizas están a medrar, e medra tamén exponencialmente as agresións contra as mulleres. Nós somos as vítimas do patriarcado, mais tamén somos, e seremos, as protagonistas da loita que vai tumbar este sistema. E se medran as inxustizas, tamén medra a resistencia das mulleres que demandamos que outro mundo é posible. A autoorganización será vía que nos leve á liberación, porque hoxe en día ser feminista é ser guerrilleira, é ser loitadora e rebelde. É non ter medo a denunciar, porque sabemos que as compañeiras están con nós, por que se nos tocan a unha, tócannos a todas!!!
Ningunha agresión sen resposta!!!
Viva a loita feminista!!!
Viva a loita das mulleres!!!