Desde a Frente Popular Galega, como partido comunista, independentista e internacionalista ligado intimamente á loita das clases traballadoras de Galiza e do mundo, queremos transmitir á República Bolivariana de Venezuela e a todo o pobo traballador venezolano o noso pesar e a nosa solidariedade e apoio polo pasamento do Comandante e Presidente Hugo Chávez Frías.
Queremos transmitir unha aperta revolucionaria e internacionalista a todas as forzas populares e patrióticas da República Bolivariana, en especial, ás camaradas e aos camaradas do Partido Comunista de Venezuela e do Partido Socialista Unido de Venezuela.
Recoñecemos o grande protagonismo da figura do Presidente Chávez en todos os avances que leva experimentando o pobo venezolano nos últimos anos en materia de educación, saúde, emprego e benestar social grazas ás políticas socialistas e anti-imperialistas (nacionalización dos bens produtivos, enerxéticos e das materias primas, reparto da riqueza entre as camadas populares máis desfavorecidas, misións bolivarianas…) promovidas pola Revolución Bolivariana.
Enviamos unha grande aperta a familiares, amigos e camaradas do Comandante Chávez e confiamos na firmeza do pobo da República Bolivariana de Venezuela para seguir camiñando cara unha patria venezolana, unha América latina e un mundo de homes, mulleres e pobos libres, solidarios e sen clases.
Viva a Revolución Bolivariana!
Viva Hugo Chávez!
Galiza, 8 de marzo de 2013
Frente Popular Galega