Inicio » Internacional, Solidariedade, Venezuela » Co pobo soberano

Co pobo soberano

Desde a Frente Popular Galega saúdamos con ledicia a nova vitoria do pobo de Venezuela, que elixiu a Nicolás Maduro como presidente para dar continuidade e así afondar na Revolución Bolivariana iniciada por Hugo Chávez; vangarda dos movementos que camiñan cara o Socialismo e a emancipación nacional que se están a dar en moitos países de Latinoamérica. Materialización dunha fenda de esperanza no medio do tempo do Imperialismo global que nestes intres apodrece á especie humana.

Maduro, representante do Partido Socialista Unido de Venezuela e Presidente Encargado após o falecemento de Chávez, saíu gañador nuns comicios electorais polarizados que deron un resultado moi axustado, nos que se medían por un lado o pobo venezolano da man no Gran Polo Patriótico, e a oligarquía mundialista polo outro, coa marca da Mesa por la Unidad Nacional.

Mais, a oligarquía, o Imperio, encabezado actualmente no país pola figura do candidato Capriles Radonski, non asumiu a súa segunda derrota consecutiva nas urnas e aproveitou, nesta ocasión, os seus mellores resultados para non recoñecer ao presidente lexítimo elixido polo pobo.

Unha vez máis, e facendo caso omiso da vontade popular, chaman a filas aos seus acólitos sacando toda a maquinaria fascista ás rúas para revivir o espírito golpista do ano 2002, procurando enganar á poboación con pantomimas cada vez máis sofisticadas (electorais desta volta) como a que estamos a apreciar estes días nos medios de comunicación do réxime, para tentar así sumir o país no caos.

A oposición acaba de asasinar a sete chavistas, incendiar diversas sedes do PSUV, e patrocinar deste xeito o revanchismo coa carraxe que leva infundando Capriles desde a morte de Hugo Chávez coa pantasma da fraude electoral. Un clásico da manipulación colectiva que é moi ben acollido en Europa e en EEUU, co-autores das manobras contrarrevolucionarias e cómplices antichavistas para velar polos seus ¨propios¨ intereses transnacionais no segundo país con máis petróleo da Terra (Substancia refinada desde 1998 en alimento, vivenda, traballo, educación, xustiza social, cultura e fraternidade).

Desde a FPG recoñecemos a labor do Consejo Nacional Electoral de Venezuela (CNE) e rexeitamos de pleno o intento de desestabilizar a R. B. de Venezuela cun alzamento violento que a dereita orquestra fora da legalidade vixente, coa complicidade do Goberno do Estado Imperialista Español e os seus medios de comunicación de masas, con ¨El País¨ erixido como estandarte contra o Socialismo real.

Todo o noso humilde apoio ao Presidente Nicolás Maduro Moros e á Revolución Bolivariana, á que temos os ollos postos desde o primeiro día.

Honor e Gloria ás e aos revolucionari@s asasinad@s a mans do terror e do fascismo opositor de Venezuela.

Mil primaveras máis para o Socialismo do Século XXI!

Galiza, 17 de abril de 2012

Etiquetas: