Inicio » Nacional, Defensa da Terra » Hai que parar a megaminaría asasina!

Hai que parar a megaminaría asasina!

A Xunta de Galicia a través do Plan Sectorial de Actividades Extractivas, do que o grupo parlamentar da Alternativa Galega de Esquerda xa solicitou a súa retirada, pretende regalar a nosa terra ás grandes transnacionais contaminantes para o seu expolio e saqueo pretendendo “borrar, incluso fisicamente, Galiza do mapa” como sinalou Xosé Manuel Beiras, portavoz nacional de Anova-Irmandade Nacionalista. O caso de Corcoesto é paradigmático do que pretenden facer os amigos do narco Marcial Dorado, mais tamén Xinzo, Santa Comba, a Fonsagrada, a Serra do Galiñeiro, Ordes, a Terra Chá, Castrelo de Miño… e así veranse afectados o 62% dos nosos concellos.

Este ataque sen precedentes contra o noso territorio non pode ficar sen resposta. E respostas estanse dando moitas e variadas, desde recollidas de sinaturas a tractoradas, todas valiosas e importantes, que o 2 de xuño converxerán na capital nunha masiva manifestación nacional. A Frente Popular Galega, como non pode ser doutro xeito, apoia e chama á súa militancia e simpatizantes a participar activamente nesta manifestación contra a minaría salvaxe convocada para o vindeiro domingo 2 de xuño pola recén creada rede ContraMINAcción, e, máis alá dese día, teremos que continuar e amplificar as mobilizacións, como nos ensinou a loita das Encrobas, a loita de Xove, a loita de Baldaio…

Que non se enganen os señoritos do PP: esta batalla ímola gañar polo ben de todas e todos nós, polas xeracións que nos han de continuar, por Galiza.