Inicio » Nacional, Multimedia, Congresos Nacionais, Nacional, VII Congreso Nacional, XXV Aniversario » Congreso Nacional e 25 Aniversario do Partido

Congreso Nacional e 25 Aniversario do Partido

O pasado sábado 5 de outubro decorreu na vila mariñeira de Cangas do Morrazo o Congreso Nacional e o 25 aniversario do noso Partido.

Pasadas as 10 da mañá botaba a andar o Congreso Nacional da FPG, que comezou coa intervención do noso secretario xeral, Mariano Abalo quen pormenorizou diante do plenario o informe de xestión, aprobado pola unanimidade da militancia.

Durante a mañá debateuse o relatorio político mentres que pola tarde tiña lugar o debate do relatorio organizativo. Os dous foron aprobados con amplas maiorías. E están chamados a ser as coordenadas que guiarán a acción política do noso partido para os próximos anos.

Por último tivo lugar a elección do novo organismo central da FPG, que recibiu o apoio practicamente unánime do plenario. Antes das 19h. Brais Fidalgo, en nome do novo comité central formado por 12 camaradas, era o encargado de dar o peche a este Congreso, onde a FPG reforzou a aposta pola Fronte Ampla de Unidade Popular.

O Congreso Nacional serviu para debater e analizar a conxuntura política e social actual. Nos debates e relatorios foi unánime a nosa aposta clara pola Fronte Ampla rupturista e autodeterminista, sen exclusións nin vetos.

Por suposto, tamén a xente da FPG valoramos como moi positiva o noso traballo e compromiso a nivel individual na ANOVA de maneira sincera, e baseada no respecto aos principios que deron lugar ao seu nacemento como organización plural da esquerda anticapitalista e independentista.

A nosa aposta é clara polo proxecto ANOVA, onde se valorou como necesario defender, e mesmo fomentar, o seu carácter de organización de militancia individual e onde se debe reforzar a súa independencia e soberanía a respecto das organizacións políticas pre-existentes.

Acto 25 Aniversario

Ás 20h. deu comezo o acto de celebración do 25 aniversario da FPG, que foi conducido por Zé Paredes, e no cal puidemos contar coas intervencións de diferentes colectivos e organizacións amigas, coas cales compartimos o obxectivo de construír unha fronte ampla de esquerdas, co eixo no dereito de autodeterminación e na esquerda rupturista.

No acto tamén foi presentado un vídeo no que puidemos ver moitas das imaxes dos 25 anos de loita do noso Partido a prol da independencia e o socialismo, dunha República Galega independente e popular, e onde se viviron momentos moi emotivos.

Desde a FPG tamén queremos agradecerlle fondamente a todas as persoas e colectivos que estiveron con nós neste emotivo acto, ben sexa coa súa presenza ou coas mensaxes que nos enviaron desde a distancia. Sen dúbida a coincidencia na necesidade de unidade e na construción da fronte ampla de esquerdas é unha boa sinal para o futuro e o presente de loita que nos agarda ao pobo traballador galego.

Neste sentido, a figura de Luís Soto estivo moi presente tanto no Congreso como no acto, ao igual que as compañeiras e compañeiros cos que compartimos espazos comúns de traballo e ilusións, de horas e horas dedicadas á liberación nacional e social en todas as frontes de loita: na ANOVA, na AGE, na loita obreira e sindical, no traballo cultural e de lingua e moi especialmente na mocidade organizada en ADIANTE.