Un ano novo botou a andar, un ano novo de loitas que nunca deixaron de estar. O 2014 de seguro será un ano de mobilizacións, de resistencias e respostas diante dos ataques que nunca cesaron contra nós, o Pobo Traballador Galego.
As diferentes troikas, a española e a europea, a sucursal galega, todos golpeándonos na mesma dirección, con máis e novas receitas de ataques contra os nos nosos dereitos e liberdades como traballadores e traballadoras, mulleres e pobo que somos. O nivel de agresión do capital é máximo, a resposta das clases populares debe ser unitaria e a través da acumulación de forzas co obxectivo de enfrontarse a este réxime de opresión, de inxustizas e miseria.
Na loita do noso pobo, e do pobo traballador mundial hai datas marcadas a lume. En maio, no xullo patriótico ou no marzo lila, temos datas de loita e reivindicación, que aínda existen porque a inxustiza que as orixinou está máis vixente ca nunca.Datas e razóns sobran no noso almanaque para a mobilización , e é na rúa onde as clases populares galegas debémoslle disputar a hexemonía á oligarquía española, onde debemos construír poder popular, a independencia, o socialismo e o feminismo, a República Galega.