Inicio » Liberación nacional, De marxismo » 40 aniversario do 25 de abril. Venceremos!

40 aniversario do 25 de abril. Venceremos!

25 abril

Na véspera en que as patriotas e demócratas galegas lembramos con tristeza o fusilamento dos Mártires de Carral o noso pobo irmán celebra o 40 aniversario da súa luminosa revolución que aquel xa mítico 25 de abril de 1974 deu cabo da ditadura fascista, a máis longa que houbo na vella Europa.

As galegas e galegos celebramos tamén o 25 de abril. Celebrámolo daquela, cando a esquerda independentista galega, na clandestinidade, fomos a primeira das esquerdas peninsulares en solidarizarnos co pobo portugués e a revolución, celebrámolo despois ao longo de todos estes anos e seguimos celebrándoo hoxe, cando volta ser máis urxente ca nunca que a clase obreira e o conxunto das clases populares retomemos a iniciativa para frear e derrotar a brutal ofensiva do gran capital e os seus aliados.

Como aquelas irmandiñas e irmandiños da Galiza de antonte que, unidas en irmandade, foron quen de enfrontaren os señores da terra instaurando o primeiro poder popular da Europa occidental, así o pobo portugués, o pobo galego e os outros pobos da Europa debemos alargar ainda máis a batalla pola liberdade e a democracia en estreita alianza. Batalla decisiva que de momento van gañando as oligarquías capitalistas mais que desde a unidade obreira e popular e a determinación non temos dúbida que gañaremos.

Dicía o Álvaro Cunhal que a Revolución do 25 de abril non caira do ceo. E que razón levaba, pois o 25 de abril foi un movemento unitario e antifascista con capacidade para facerlle fronte de maneira directa ao réxime da época. Foi unha revolución nacional e democrática.

Corenta anos despois daquela Revolução dos Cravos temos diante nosa novos e decisivos desafíos. Co exemplo posto naquel fermoso día de abril desde a Frente Popular Galega reafirmámonos no noso camiño de unidade obreira e popular pola ruptura co réxime español e coa súa Europa dos mercaderes e chamamos a todas as demócratas e revolucionarias galegas e galegos a perseverar e alargar a loita pola República Galega e o socialismo, que non é máis que a loita pola liberdade e a democracia, é dicir: a loita incesante pola nosa dignidade.

 

25 de abril, sempre! Fascismo nunca máis!

Adiante a unidade popular! Venceremos!

Frente Popular Galega

25 de abril de 2014