Inicio » Movemento obreiro, Movementos sociais » Rodeemos o Parlamento!

Rodeemos o Parlamento!

Cartaz-RodeaOParlamento (1)

As Marchas da Dignidade viven, medran e rodearán os Parlamentos dos diferentes territorios do estado no vindeiro sábado 21 de xuño. Desde a Frente Popular Galega, apoiamos esta nova acción do movemento social, popular e obreiro que constitúe as Marchas da Dignidade, pois defendemos que o pobo ten o deber de rebelarse contra unhas institucións secuestradas polas mafias financeiras que non están ao servizo das persoas, senón que só serven aos intereses do poder económico capitalista.

Cada día vemos como, no Parlamento Galego, as leis do Partido Popular van encamiñadas a dificultar a vida das clases traballadores, mesmo a condenarnos á morte cando privatizan servizos esenciais, eliminan camas de hospital e botan das súas casas ás traballadoras que, previamente, condenaran ao desemprego. Un Parlamento no que o pobo non é quen máis ordena, un Parlamento no que a extrema dereita do Partido Popular lexisla para o beneficio dos ricos e das grandes empresas, un Parlamento que pretende que a Educación sexa un ben propiedade das elites burguesas… ese é un Parlamento que debe ser rodeado, reclamado e tomado polo pobo.

Desde a FPG, polo tanto, saudamos ás Marchas da Dignidade e unímonos a elas como exemplo da unidade necesaria para dar resposta a este sistema inxusto e antidemocrático que coloca o enriquecemento dos patróns, das familias e, en definitiva, de toda a oligarquía capitalista por riba da vontade popular. Recuperar o poder para o pobo é unha obriga para termos PAN, TRABALLO e TEITO.

 

Sábado 21 de xuño – 12 h. – Compostela: Rodea o Parlamento

Viva a loita da clase obreira!

Viva o pobo en Marcha!

Contra o capital e os seus lacaios!