Inicio » Liberación nacional » De frente, sen tregua #RepúblicaGalega!

De frente, sen tregua #RepúblicaGalega!

unnamedO 27 de xuño de 1931 é a data na que xs republicanxs galegxs lembramos o dia de proclamación da nosa I República. Neste ano 2014 este día chega con maior forza xusto cando se está a dar un debate entorno á monarquía borbónica,  debate xurdido á raíz abdicación do Borbón vello e dos resultados electorais das europeas onde as forzas bipartidistas do réxime saen deslexitimadas.

A historia dinos que foi no contexto de reivindicación obreira contra o goberno central, que pretendía paralizar as obras do ferrocarril e deixa a 12mil obreiros no paro, no cal se produce a proclamación en Compostela da República Galega e do conseguinte nomeamento do agrarista e patriota galego Alonso Ríos coma presidente da Xunta revolucionaria da República Galega. Este contido obreiro non é casual nin conxuntural, e será unha constante no movemento nacional galego até os nosos días.

Hoxe, ao igual ca no ano 1931 vivimos nun tempo de  mudanza, onde todas as organizacións políticas, colectivos sociais e persoas demócratas, de calquera adscrición progresista, desde nacionalistas, independentistas e federalistas, estamos na obriga de traballar conxuntamente para imposibilitar unha nova restauración borbónica e a perpetuidade dun sistema opresor co noso pobo. É o momento da máxima xenerosidade entre iguais, é o momento de darmos exemplo como galegas e galegos de unidade e audacia fronte a oligarquía corrupta e os seus lacaios. É a hora do pobo e da unidade popular, da rebeldía. Ou avanzamos agora ou nos arrasan para sempre. Ou vencemos ou nos vencen.

A República Galega, 83 anos despois, vai acompañada de palabras de orde que de seguro xa soaban nas voces daqueles homes e mulleres de 1931: Pan, Traballo, Liberdade e Dignidade! E tamén: Todo o poder para o pobo galego!

Estes poden ser os eixos centrais da aposta táctica de todas as esquerdas galegas no momento presente. Deste xeito estaremos en disposición de continuar o partido onde alguén o quixo parar, na II Restauración borbónica, cando nos roubaron o balón e así poder avanzar por goleada cara a ruptura democrática, cara a ruptura co fascismo e os seus herdeiros que pasará tamén inevitabelmente pola conquista do noso dereito de autodeterminación e o inicio de un proceso constituínte galego cara a República Galega independente e o socialismo.

 

Pola Ruptura democrática e a autodeterminación dos pobos!

Independencia e socialismo!

Viva a República Galega!