Inicio » Nacional, Día da Patria, Liberación nacional, Día da Patria 2014 » Día da Patria Galega

Día da Patria Galega

traslado castelao

 

Como todos os 25 de xullo, desde que en 1920 as Irmandades da Fala chamasen a recoñecer e celebrar o Día Nacional de Galicia, o pobo traballador galego reivindica o día da nosa Patria afirmando con Castelao que Galiza só deixará de loitar pola liberdade cando a conquira.

Esta é, xa que logo, unha reivindicación que emerxe do pobo e madura no pobo: levamos preto dun século opóndonos ao poder colonial. Hai un ano lamentabamos o que podía ser un dramático accidente ferroviario, en Angrois. Hoxe sabemos que a verdade achégase máis a un asasinato de Estado; dun Estado que nos vende á oligarquía española e aos intereses capitalistas. Un Estado no que o vello Borbón abdica e, como cabía esperar, faino seguindo o principio lampediusano de mudar para que nada mude. Non llo imos pór tan fácil, o pobo galego organizado non vai permitir a continuidade da segunda restauración borbónica, non imos renunciar ao noso dereito a decidir. E con esta rotundidade berramos e continuaremos berrando nas rúas o que este antidemocrático réxime non nos permitiu decidir nun referendo. República e Soberanía han ser as coordenadas nas que se mova a clase obreira galega para conquistar un novo marco xurídico-político para Galiza, é dicir: a República Galega. Un Estado propio, un Estado socialista que sexa garante da xustiza social, da igualdade e da fraternidade para todas as galegas e galegos.

Porque o vivimos: a chamada “crise económica”, isto é, a profunda estafa e sometemento ao que os poderes financeiros, en conivencia cun Estado español entregado ás súas vontades, someten á clase traballadora, está derivando nunha crise institucional. De vez, non acreditamos no seu modelo de representación política: o pobo leva tempo demostrando ser consciente de que, como xa apuntara Mao Tsetung, os partidos burgueses e as súas lóxicas reaccionarias non son máis ca tigres de papel. Non temos medo ou, se cadra, de certo o medo comezou xa a mudar de bando. Vivímolo coas Marchas da Dignidade, respiramos nelas a posibilidade de envorcar a orde desta organización social inxusta, formamos parte do alento e da potencia que posúe a unidade e a xenerosidade da esquerda social. É dicir: a unidade da maioría agredida, das nacións sen Estado, das mulleres que non nos sometemos aos mandatos do nacional-catolicismo e reivindicamos a nosa condición de persoas, o noso dereito a decidir sobre nós mesmas. Polo tanto, non hai lugar para as leccións de patriotismo e de combatividade chegadas desde o sectarismo. Non hai lugar. A potencia do pobo organizado pola liberdade de Galiza e da clase traballadora fai que se esvaezan no ar os intereses particulares.

Cada día vemos manifestarse o neofascismo e o imperialismo en Ucraína e Palestina, travestíndose de aparentes procesos de democratización para, en definitiva, fortalecerse no seu inxusto poder, someter e exterminar a poboación civil. Pero tamén en Galiza padecemos as súas múltiples carautas centralista, burguesa, machista e totalitaria. Por iso, fronte á ofensiva do capital e dos seus lacaios, debemos manter a aposta das unidades populares e as frontes amplas. Construír poder popular e conquistar a hexemonía política e social. Esta semella ser a aposta táctica da grande maioría da esquerda galega, defendendo abertamente a conformación de candidaturas populares. Eis o camiño.

O camiño cara a República Galega, independente, socialista e feminista. Independencia e Socialismo porque o pobo traballador galego sufrimos o secuestro da soberanía desde un plano dobre: por parte do Estado español e por parte da Unión Europea. Dúas institucións que implantan políticas contra o pobo, que nos negan o dereito a desenvolvernos na nosa lingua e na nosa cultura, que nos negan o dereito a decidir sobre o noso presente e o noso futuro, que nos impoñen a escravitude laboral e que inducen a nosa morte, a das mulleres traballadoras, en abortos clandestinos.

Porque, en palabras de Castelao, quen foi, é e continuará a ser o grande emblema da nosa dignidade como Pobo e xamais poderá ser usurpado polos que lexislan contra a clase traballadora galega: o internacionalismo eficaz non deserta das patrias, senón que as transforma en órganos dunha nova humanidade.

Viva o 25 de Xullo!

Viva Galicia ceibe e socialista!

Patria ou Morte: Venceremos!

 

 

Galiza, 24 de Xullo de 2014.