Desde a Frente Popular Galega queremos manifestar todo o noso apoio ao pobo catalán e ao seu proceso de autodeterminación cara a independencia. Todas as forzas políticas e sociais consideradas democráticas esixímoslle rotundamente ao Estado e ao goberno español que respecten a consulta democrática convocada para este 9 de novembro en Cataluña.
É a hora de posicionarse do lado da democracia e do pobo, dun pobo que quere decidir por si mesmo. O catalán como o galego, é un pobo encadeado a un Estado imperialista, opresor, negador da realidade plurinacional, plurilingüe e pluricultural, un Estado burgués e profundamente nacionalista que nunca puido nin quixo desprenderse do obxectivo para o que foi creado, garantir a hexemonía e intereses nacionais e de clase da oligarquía española.
Este carácter antidemocrático do Estado español xunto coa existencia dun sentimento nacional catalán, é un dos principais factores que axuda a comprender o sentimento soberanista e independentista que agromou no Pobo catalán, que como o galego aspira a vivir libre, en igualdade e fraternidade cos demais pobos do mundo.
Desde Galiza toda a nosa solidariedade, toda a forza e apoio ao seu dereito de autodeterminación e á súa soberanía. Pola independencia nacional e a emancipación da súa clase traballadora. Este domingo, #SiSi.
Visca Catalunya Lliure!
Estamos convosco.