Este 2015 preséntase como un reto político do máis alto nivel e para estar ao tanto de todo pomos a vosa disposición, como o pasado ano, o Almanaque Político de Xeira e da Frente Popular Galega coas efemérides máis importantes sinaladas no mesmo. Neste novo ano, dende as organizacións do comunismo independentista galego continuaremos a loitar contra todo tipo de explotación, imperialismo, violencia machista, agresións ao medio e desigualdades impostas polo Capital, e continuarémolo a facer a carón de quen opte por construír ferramentas populares desbotando por completo toda caste de dogmatismos e purismos excluíntes que dividan a nosa clase e alimenten o inimigo imperialista e corrupto. Defendendo con seguridade e intelixencia a unidade popular, a movilización permanente e a loita en todas as frontes poderemos asegurar que neste ano 2015 a práctica totalidade pobo traballador galego agredido, explotado e precarizado continuaremos a avanzar na conquista dos nosos obxectivos, tanto estratéxicos como tácticos, no camiño firme cara unha Galiza independente, antipatriarcal e solidaria nun mundo socialista e sen desigualdades.
Co ollar posto nestes obxectivos, no novo ano seguiremos a apostar pola acumulación de forzas co centro de gravidade na esquerda rupturista e no dereito de autodeterminación para avanzarmos con afouteza e claridade revolucionarias cara a creba democrática que a nosa clase e a nosa nación precisan. Aliás, agardamos que o 2015, o do 40º aniversario do asasinato do Moncho Reboiras, sexa o ano no que todas as persoas presas e exiliadas por razóns políticas poidan ao fin voltar os seus fogares, como tamén agardamos rachar co rexime o co sistema criminais creando as condicións para o regreso da mocidade galega exiliada por razóns económicas e sociais.
Adiante coa unidade popular!
Viva Galiza ceibe e socialista!