Inicio » Nacional, Feminismo » 8 de marzo: A loita que non cesa

8 de marzo: A loita que non cesa

1549427_1544055452534233_4779129394566096915_nNo contexto deste Día Internacional da Muller Traballadora, de novo, queren negarnos a nosa condición de persoas; de novo, o goberno do Partido Popular demostra a súa desconfianza nas mulleres da clase traballadora e tamén a súa necesidade imperiosa de controlar a forza da nosa unión, a unión das desposuídas do mundo e a unión, en definitiva, do conxunto da clase obreira fronte á ignominia capitalista.

O goberno do nacional-catolicismo e do gran capital dínolo claro: as mulleres traballadoras constituímos un perigo, somos unha ameaza, a nosa unidade é unha ameaza, por iso deben converternos en seres dependentes. E así o materializa na reforma da lei do aborto, pola cal as fillas da clase obreira, mozas de 16 e 17 anos, son condenadas á posibilidade dun embarazo que non desexan.

Mentres as ricas, as capitalistas, as explotadoras e as mulleres e fillas dos ricos, dos capitalistas e dos explotadores permanecen indemnes aos ataques da burguesía que nos goberna, nós, as mulleres traballadoras, as desposuídas, parias e empobrecidas, as que non temos máis cá nosa forza de traballo, supoñemos unha ameaza: as tácticas de control por parte deste goberno que leva a Biblia ao Código Penal só poñen de manifesto a enorme potencia que se encerra na unidade das mulleres traballadoras; na unidade, en definitiva, da clase obreira.

O austericidio, as sucesivas reformas laborais, o desmantelamento dos servizos públicos, as baixadas de salarios, todas as ferramentas coas que a burguesía pretende asegurar a súa supervivencia a costa do noso padecemento (reflectido mesmo no aumento de suicidios), levaron a máis de 70.000 galegas á emigración. As que permanecemos neste país expoliado e colonizado padecemos taxas de desemprego do 21%, que no caso das mozas supera o 50%. Sen esquecer o que non deixamos de lembrar: cobramos un 24% menos cós homes polo mesmo traballo.

Por todo isto, non podemos permitir que o 8 de marzo se transforme nunha sorte de día do Domund no que unha feminidade programada polo capital se converte en obxecto de consumo e eclipsa as reivindicacións das desposuídas do mundo, as que defendemos Kobane do integrismo islámico, as que defendemos os nosos corpos do integrismo nacional-católico, as que sostemos a metade do ceo e traballamos a metade da terra.

Desde a Frente Popular Galega, convocamos á manifestación nacional e unitaria do vindeiro domingo 8 de marzo que sairá ás 12 horas da Estación de Ferrocarrís de Compostela

Viva a loita feminista da clase obreira!

Viva sempre o 8 de marzo!