Inicio » Nacional, Organización » Nota de prensa da FPG

Nota de prensa da FPG

logof

Diante das noticias aparecidas no día de hoxe (26/03/15) nalgún medio de comunicación temos que dicir:

Que desde a Frente Popular Galega levamos moito tempo reclamando e traballando polas frontes amplas. Desde o noso nacemento en 1988 sempre pulamos por xerar procesos de unidade popular que fosen quen de enfrontar o réxime do Estado español que nos últimos tempos está a verse totalmente esgotado.

Esta aposta veuse reflexada nas numerosas plataformas nas que participamos tanto no eido local coma nacional tanto a nivel eleitoral como de mobilización. Alternativa Canguesa de Esquerdas – ACE,  coalición eleitoral que nace en 2007 e xermolo da actual Alternativa Galega de Esquerdas – AGE, é un claro exemplo.

Desde o nacemento do Novo Proxecto Común a FPG nas súas distintas Conferencias Nacionais e no seu último Congreso, máximo órgano de decisión formado pola totalidade da militancia, que se celebrou na vila de Cangas o 13 de outubro de 2013, decidimos participar de xeito activo en ANOVA – Irmandade Nacionalista, coma a nova unidade popular da esquerda soberanista e independentista galega, xa que este proxecto engloba grande parte dos principios que nós defendemos como organización.

Neste curto pero intenso período que arrancou o 12 de febreiro de 2012 ANOVA –Irmandade Nacionalista ten demostrado ser das ferramentas máis útiles para materializar os procesos de confluencia, sendo unha das organizacións máis xenerosas existentes no noso país en moitos anos. Mostra diso son as numerosas candidaturas de unidade popular nas que vai a participar nos vindeiros comicios municipais. Ningunha organización política desde 1936 foi quen de traballar en tantos procesos de unidade no noso país.

Esta vontade transformadora foi manifestada na II Asemblea Nacional de ANOVA – IN onde a maioría da afiliación apostou por procesos aglutinadores que leven á quebra democrática, deixando fóra aqueles sectores que se resistían a un auténtico proceso de construción de frontes amplas.

Fronte rumores interesados que o único que intentan é desestabilizar o proceso imparábel de unidade popular contra o réxime do 78, tamén a nivel municipal, o Comité Central da FPG reafírmase na liña política que o noso Partido ten adoptado até o momento: ninguén no noso seo cuestiona tal opción táctica e estratéxica e toda a militancia está neste intre histórico traballando por consolidar e espallar as candidaturas populares locais. É máis, se alguén nalgún momento actuase en sentido contrario e fóra dos cauces democráticos partidarios, como é lóxico, situaríase fóra da FPG.

 

Cangas a 26 de marzo de 2015,

Comité Central da Frente Popular Galega