Inicio » Nacional, Día da Patria, Liberación nacional » Un 25 de xullo de unidade e xenerosidade!

Un 25 de xullo de unidade e xenerosidade!

dia patria2 2015 fpg

Un ano máis, coa chegada do 25 de Xullo, o pobo galego xúntase para reivindicar, de xeito claro e decidido, a vontade de sermos nación libre e soberana. Un ano máis, dende a Frente Popular Galega reivindicamos que o noso día nacional, instaurado a principios do século pasado polas Irmandades da Fala, debe ser dinamizado polo movemento popular e social, polo pobo traballador, é dicir: polo auténtico motor e xermolo do novo Estado que máis cedo que tarde abrollará nunha Europa dos pobos, a República Galega. Chamamos, entón, pola unidade coas compañeiras, coas veciñas que cada día organizan o traballo colectivo creando espazos abertos, espazos para o debate, para o encontro, para a discusión e para a defensa inquebrantábel dos dereitos sociais.

Nas vésperas do 25 de xullo, defendemos a nosa dignidade como pobo e as nosas arelas de liberdade e independencia. E manifestámonos como parte da rede social e política que mantén vivo o desexo común da autodeterminación, como rede, respiramos a posibilidade de envorcar a orde da organización social inxusta que vivimos e, como rede, formamos parte do alento e da potencia que posúe a unidade e a xenerosidade da esquerda social. A unidade da maioría agredida, das nacións sen Estado, das mulleres que non nos sometemos aos mandatos do nacional-catolicismo e reivindicamos a nosa condición de persoas, o noso dereito a decidir sobre nós mesmas.

Dende a Frente Popular Galega, o camiño témolo claro: avanzarmos cara a República Galega, independente, socialista e feminista. E avanzarmos coa conciencia de que o pobo traballador galego sufrimos o secuestro da soberanía desde un plano dobre: por parte do Estado español e por parte da Unión Europea. Dúas institucións que implantan políticas contra as traballadoras, que nos negan o dereito a desenvolvernos na nosa lingua e na nosa cultura, que nos impoñen a escravitude laboral e que nos negan o dereito a decidir sobre o noso presente e o noso futuro como nación.

É tempo de xenerosidade e de unidade, sen que iso signifique renuncia, máis ben ao contrario, desde a FPG reivindicamos que a unidade signifique o fortalecemento dos nosos principios. E así abrir os camiños que nos levarán á nosa República, en solidariedade internacionalista coas Repúblicas Populares que han imperar no mundo máis cedo ca tarde. No sorriso e no esforzo de todas, continuamos o camiño.

Viva o 25 de Xullo!

Viva Galiza ceibe e socialista!