Inicio » Opinión » Libro de Estilo contra disidentes

Libro de Estilo contra disidentes

panoptico-panoptismo Libros de estilo, libros de estilo,

están de moda os libros de estilo…

 o estilo es ti!

Ferrín

 

O obxectivo dun libro de estilo é algo opaco nos nosos días. Semella claro para quen o escribe, se cadra tamén para quen o le. Pero como nas augas da ría, flúen intensas correntes e contracorrentes baixo a placidez da superficie.

O concepto de xornalismo literario tocou cumios na nosa lingua difíciles de superar, por calidade literaria e ética. Tamén se sondaron abismos. Por iso quen escribe un libro de estilo non mente e tenta transmitir dous obxectivos tan diáfanos como antagónicos: o primeiro moral, o segundo político. O primeiro ten vontade xeneralista; o segundo empeño por particularizar. Digamos que o primeiro representa a superficie e o segundo as animadas correntes das que falabamos arriba. E ao fin as redaccións de practicamente todos os xornais acaban sendo centros emisores de culpa. “Creadores de opinión”, di o eufemismo. Medios propagandísticos, institucións ou dispositivos do poder que procuran definir a actualidade, a realidade, consonte a guións fixados por quen os subvenciona. Artefactualidade, en definitiva, avezada na construción dun “sentido común” a partir do ritual capcioso da obxectividade. Estratexia. É dramaticamente simpático.

Peter Sloterijk deixou escrito nos capítulos finais do libro de conversas Experimentos cun mesmo (Valencia, Pre-textos, 2003) que o ruído socializador dos medios ten a misión de nos liberar das sereas interiores. Tamén, dicimos nós, a de ocultar as servidumes do xornalismo. Pero cando aquelas, as sereas, persisten teimudas e estas, as servidumes, son extinguidas, evidénciase a arbitrariedade na interpretación dos libros de estilo, nas escollas definitivas. O que din é pouco, pero é, e chega a todo o mundo. Mesmo se converte en carta de presentación de todo un país, máis ca a economía ou outros rexistros do devir interno das sociedades.

En Galicia a estratexia non é nova. A ofensiva mediática, xunto ca política e a xudicial, compón o trespés sobre o que se cociña á vontade do poder a vida máis consciente e reivindicativa das nosas rúas. Non hai probas pero debe haber culpables que fundamenten as resolucións do sistema, que asuman delitos inexistentes baixo os máis leves indicios de cargo. Danos colaterais da súa guerra preventiva, en conclusión, esa que pretende asegurar o mellor dos mundos posibles. A redención semella o signo do noso tempo, que son todos os tempos, mesmo os que han de vir máis próximos. Un guión de Chéjov, coas tintas aínda máis cargadas despois das últimas reformas das leis penais e dese pacto PP-PSOE que instaura a cadea perpetua.

***

A resposta sempre é inmediata. Pódese chamar María Osorio[1], a disidente que a policía ou garda civil detén , hoxe presa política galega, independentista, ou Enrique B.P[2], de Santander, veciño de Barcelona, anarquista; tanto ten, pois no mesmo día comeza a carnizaría mediática. Mellor dito, continúa, que comezar comezou hai moito, con outros detidos, e non parecen saciados os bandullos do mesmo poder que, en única instancia, redacta os libros de estilo. Eses que, malia non recoñecelo expresamente, non dubidan en receitar doses de indiferenza cando ocasionalmente son xulgados os delitos dos poderosos. No relato das “perversións”, por contra, non falta a hipérbole e nunca se fala de esperanza. A súa teimosía evidencia o fracaso da empresa para a que traballan.

É inmenso o poder da prensa, e ben escollido! Cos seus trucos de tafur sen escrúpulos aposta ca vida da xente e sempre gaña, sempre gaña. Onte resultaba sospeitoso, hoxe só aborrece e indigna a rutina de detalles e fotografías cos que se adobía segundo que noticias, e, por contra, a ausencia de datos cando ao poder non lle interesa dálos.

Hai alegorías do fel que de ordinario caben na concentración dun decálogo. Pensalas permite adozar o acedo con ironía. Poderíamos deixalo, o decálogo, neste bosquexo:

Truco 1º do bo redactor do Réxime: No que refira ao condenado quita as palabras que ataquen o corazón, os sentimentos do lector. Pai, nai, bágoas, familia, sufrimento… Trátase de chapodar calquera posibilidade de empatía.

Truco 2º:  Emprega todas as palabras posibles para explicar as razóns de Estado, nomeadamente adverbios rematados en -mente e palabras de máis de catro sílabas. Matar indistintamente, asasinar indiscriminadamente… É unha cuestión óptica, non métrica: o tamaño importa e o lector de clase media déixase engaiolar moito ben pola grandeza á que aspira.

Truco 3º: Aumenta conectores (vid. Truco 2º) e hipotéticas consecuencias: Por conseguinte puideron morrer…, en consecuencia os destrozos puideron ser…, de aí que todos esteamos en perigo…

Truco 4º: Nada é irrelevante á hora de cualificar o inimigo do Estado. Calquera detalle, por intranscendente que pareza, suma ideas-forza en favor do bando dos bos. Non importa que repitas ideas e argumentos, é un valor engadido.

Truco 5º: Adxectiva abondo. Mellor por parellas, como a Garda Civil. “As consecuencias puideron ser aterradoras e catastróficas”.

Truco 6º: Nas oracións longas –son sempre preferentes- sitúa as palabras contundentes (celme das ideas concluíntes e irrebatibles) ao principio. A partir de aí esténdete o que sexa preciso: o lector perderase no resto da argumentación e quedarase só coas primeiras palabras. Obxectivo conseguido.

Truco 7º: Substitúe as certezas inconvenientes por hipóteses favorables. Verbos de acción por substantivos de estancamento.

Truco 8º: Deshumaniza o inimigo público. Humaniza as súas vítimas. Lembra que fas literatura: crea personaxes óptimos.

Truco 9º: Cando sobran as persoas abondan os reflexivos: faise, planéase, execútase…

 

Truco 10º: A fundamentación das razóns de Estado admite calquera tipo de erudición, mesmo a banal.

Se cadra non é tempo de ser irónicos. Tampouco se trata de frivolizar sobre o serio. Senón de, séndomos conscientes de que a reconciliación é imposible e o resentimento pouco operativo, pórlle o peito ao insoportable e tornalo se non livián si menos grave. Por conxurarmos a apocalipse e rexeitarmos a homeopatía social con humor sentido máis que con sentido do humor. E unha chisca de amable e radical intransixencia.

E é que no medio do latexo do mundo, latexamos.

 

Xosé Antón Laxe Martiñán

 

Para Brisslaretobrincador, anao pequeno de nome non moi longo, a quen lle querían pór Rascontraproaforteveuxarascandoeforte ou Rascontraporafortveuxarascandoafortunado. E para Leneestrebillaavelaíña, que naceu  dous días despois daquel, lizgaira e faladora, e que se adica a estudar o aroma das flores das árbores e lle sorrí e lle di, aínda despois de tantos anos, “meu pequerrechiño”.

 


[1]      Maria Osorio foi detida o 15 de xuño de 2014  para cumprir condena ao confirmar o Tribunal supremo a sentenza da Audiencia Nacional que dá por sentado que en Galicia actúa un grupo terrorista do que ela sería membro.

[2]      Enrique P. é un dos nomes que apareceu na prensa despois dunha redada en Barcelona no mes de decembro do pasado ano, na que detiveron 11 anarquistas.