O vindeiro 27 de setembro, o pobo de Catalunya está convocado a amosar, unha vez máis, a súa vontade maioritaria de liberdade. Lonxe de ceder perante chantaxes e ameazas dos que insistiron en subestimar o seu proxecto emancipador, Catalunya constrúe poder popular e avanza nun proceso de autodeterminación nacional e social que, desde a Frente Popular Galega, saúdamos e apoiamos.
Vivimos tempos acelerados. As contradicións agudízanse, as máscaras érguense, os intereses principais das oligarquías capitalistas desvélanse con violencia. E a fin, para eles, sempre xustifica os medios: ningún recorte é suficiente, ningunha débeda poderá ser saldada, ningún punto final se debuxa na espiral voraz do capitalismo á hora de reducir, ate as cinsas, a soberanía dos pobos. Grecia como exemplo da incompatible supervivencia popular no marco da Unión Europea, pero non só, tamén están as nacións sen Estado.
Eis as nacións do Estado español que vivimos nun sometemento dobre: ao capitalismo financeiro global a través da súa ferramenta idónea, a Unión Europea, e mais ao colonialismo dun patético Estado español que, aínda moribundo, insiste en explotar os nosos recursos e impor a súa vontade. Porque esa é a súa tradicional maneira de facer as cousas e constatámolo nunha analoxía nada casual: se Franco morría matando a Humberto Baena e aos seus compañeiros de paredón o 27 de setembro de 1975, o Réxime do 78 insiste, corenta anos despois, en despregar todo o seu aparato represivo fronte aos azos de liberdade dun pobo que decidiu organizarse e trazar o seu propio camiño. Son, onte e hoxe, os mesmos inimigos da democracia.
E, así, fronte a un Goberno central que continúa a erguer unha Constitución e unha bandeira ilexítimas, construídas sobre os alicerces do franquismo de costas á participación popular, o pobo traballador catalán organízase e responde á política do medo con máis pulo de liberdade. Ao Goberno, aos medios de comunicación, ao empresariado individualista, aos donos da Unión Europea… Dicímoslles: a vida está fóra. Desde Cataluña ate Galiza, nos pobos explotados do mundo: a vida está na República e nas asembleas, no dereito a decidir, no referendum e tamén nas asociacións veciñais de base, en definitiva: na dirección oposta aos ditados da UE e do Partido Popular de España.
Desde a Frente Popular Galega, polo tanto, facemos pública a nosa solidariedade internacionalista co pobo de Catalunya e saudamos, con ilusión e alegría revolucionarias, o proceso de autodeterminación nacional e de clase que xa está en curso sen posibilidade de volta atrás porque o pobo cara a adiante é o único camiño.