Comunicado sobre os acontecementos en Ucraína
Os acontecementos en Ucraína poñen de manifesto a necesidade de ordenar as relacións internacionais superando as lóxicas da Guerra Fría. Perante a nova situación bélica, cómpre defender os intereses da clase obreira mundial no marco da solidariedade internacionalista. Porque o proletariado non pode ser carne de canón nunha guerra dirixida por dous bloques burgueses belixerantes, expresamos toda a nosa solidariedade coas traballadoras e traballadores directamente asoballados neste conflito.
A caída da URSS non supuxo, como moitos inxenuamente supuxeron, o final do imperialismo norteamericano e os seus aliados occidentais encadrados na OTAN, senón máis ben, ao contrario, a súa continuidade baixo outras premisas.
Dende a década dos 90 do século XX, foi urxente proceder ao desmembramento das antigas repúblicas comunistas ata reducilas á súa mínima expresión: Serbia, no caso de Iugoslavia, e Rusia para o da antiga URSS. Forma parte xa da historia infame do imperialismo atlantista, o bombardeo de Belgrado por parte da OTAN como xeito de forzala a admitir a segregación de Kosovo do seu territorio. Unha independencia liderada, ademais, pola UCK, organización considerada terrorista polos propios Estados Unidos meses antes do bombardeo de Belgrado. A aberración histórica era de tal calibre que ata o estado español, sempre lacaio fiel do imperialismo norteamericano, refugou considerar Kosovo un estado máis.
A expansión da OTAN cara ao leste, iniciada xusto o día despois de subscribir en París o contrario, está no cerne dos acontecementos que hoxe lamentamos en Ucraína. Resulta doado establecer analoxías entre entre a instalación de bases da alianza nos países veciños de Rusia e a tentativa de establecemento dunha base de mísiles balísticos soviéticos en Cuba que estivo a punto de provocar a III Guerra Mundial. O que onte os norteamericanos non toleraron na súa zona de influencia é o mesmo que levan practicando ao redor da Federación Rusa os últimos 30 anos.
Os exemplos poderían estenderse indefinidamente: desde a invasión de Granada en 1983, deica a de Panamá en 1989, ata as máis recentes intervencións en Irak, Libia ou Afganistán. En todo este tempo, a opinión pública internacional permaneceu calada e inmóbil, convenientemente adormecida por uns medios de comunicación ao servizo dos intereses do Imperio. Outro tanto pode dicirse da ocupación dos Altos do Golán libaneses por parte do estado sionista, que hoxe prosegue o seu curso nos territorios da antiga Palestina. E nesta listaxe podemos incorporar tamén a ocupación do Sahara Occidental por parte de Marrocos ante o vergoñento silencio do Estado español, ou da metade nororiental de Chipre por parte de Turquía.
Nesta lóxica encádranse os acontecementos do chamado Euromaidán, no que elementos abertamente fascistas, que asumiran o legado do aliado dos nazis Stepan Bandera para construír o seu relato nacional ucraíno, tumbaron un goberno elixido democraticamente e impuxeron o terror no Donbass e Donetsk, rexións de maioría rusparlante. Os acordos de Minsk, cos que se tentaba pórlle un final ao conflito foron tamén, unha vez máis, incumpridos sistematicamente por un goberno ucraíno convertido xa nun monicreque dos intereses norteamericanos.
Porén, ningún dos episodios citados nin o devandito cerco en curso dos EEUU á Federación Rusa pode xustificar a invasión de Ucraína ordenada por Vladimir Putin. Esta obedece unicamente á defensa dos intereses xeoestratéxicos rusos e excede, con moito, a súa lexítima vontade de protexer as comunidades prorrusas fronteirizas.
Cómpre, xa que logo, restablecer de inmediato o diálogo entre as partes en conflito e, baixo os mecanismos da mediación, chegar a un acordo que poida dar lugar a unha paz duradeira na zona.
Nin paz entre as clases, nin guerra entre os pobos!